Gabriel Alén destaca o labor dos obradoiros de emprego na creación de oportunidades no ámbito local

Na súa visita ao Obradoiro de Emprego ‘Macizo Central’ en Chandrexa de Queixa

  • O delegado territorial destacou que este obradoiro, no que a Consellería de Emprego e Igualdade inviste 346.946.00 euros,  está a formar a 20 alumnos – traballadores  no módulo de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes
  • Gabriel Alén explicou que a formación que se imparte nos concellos está adaptada aos perfís máis demandados das empresas da contorna polo que algúns alumnos atopan emprego mesmo antes de finalizar a súa formación
  • O representante do Goberno subliñou que os alumnos e alumnas teñen a opción de traballar nunha empresa da contorna por un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado dos alcaldes de Chandrexa de Queixa, Francisco Rodríguez; Manzaneda, Amable Fernández; San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez; e a alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez, o Obradoiro de Emprego Macizo Central’.

AVANTAR ACTIVIDADES

Este Obradoiro, no que a Consellería de Emprego e Igualdade inviste 346.946.00 euros,  está a formar a 20 alumnos – traballadores  no módulo de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Os concellos beneficiarios son: Chandrexa de Queixa, Manzaneda, A Pobra de Trives e San Xoán de Río.

O delegado territorial sinalou que as persoas desempregadas que participan nestes programas, que desenvolven os concellos, mancomunidades e entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, poden acceder ao longo de 9 meses a unha formación de calidade con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo. Ademais, unha vez remate o obradoiro, os alumnos e alumnas teñen a opción de traballar nunha empresa da contorna por un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa. Para este fin, a Xunta concede incentivos á contratación.

Gabriel Alén destacou que a formación que se imparte nos concellos está adaptada aos perfís máis demandados das empresas da contorna polo que algúns alumnos atopan emprego mesmo antes de finalizar a súa formación. O delegado da Xunta felicitou aos participantes: “porque teredes a oportunidade de formarvos durante  meses e de traballar para mellorar as vosas capacidades profesionais e a vosa empregabilidade, polo que é moi importante aproveitar esta formación para poder atopar un emprego”.

É meta dos obradoiros duais de emprego o incremento das oportunidades laborais dos galegos e galegas. Teñen unha tripla dimensión: mellorar a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade da man dos expertos que a imparten; desenvolver actuacións de mellora en espazos públicos, así como a prestación de servizos de interese xeral e social; ademais de colaborar coas entidades locais galegas para incrementar o emprego nos concellos.

O delegado territorial subliñou  que a Xunta de Galicia financia 28 obradoiros duais de emprego, un 75% máis que a convocatoria anterior (16), que se desenvolven en 82 municipios da provincia de Ourense, un 89% do total de concellos da provincia e un 60% máis de beneficiados co ano anterior (51) e supoñen a contratación de 552 persoas, un 76% máis, entre alumnos-traballadores, persoal de dirección, administración e monitores ca edición 21/22 (313), aos que destina 9.671.709 euros; case un 80% de incremento (5,4M de euros).

Actuacións

Os participantes están a desenvolver as súas tarefas de limpeza de camiños municipais de acceso a masas  frondosas autóctonas e rutas de sendeirismo no concello de Manzaneda; adecuación e limpeza de roteiros de sendeirismo en A Pobra de Trives (Penalonga, Sequeiros de Penafolenche e Ruta da Vía Nova); obras de mellora e tratamentos silvícolas nas fincas de A Nogueira e Pico Rasa en San Xoán de Río; e acondicionamento e mellora de rutas de sendeirismo en Chandrexa de Queixa.