Nota da Fruga: “Lei da Cadea Alimentar: non necesitamos tempo, o que necesitamos son prezos xustos para os nosos produtos”

O ministro de agricultura recomendou tempo para a aplicación da Lei da Cadea Alimentar.

Ven-se de celebrar unha reunión no Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación de España, convocada polo seu titular, Luis Planas. Reunión á que estaban convocados, en principio, distintos elos da cadea alimentar, tendo por obxecto analizar a nova reforma da lei da cadea alimentar, que posibelmente se aprobará este xoves no Congreso dos Deputados.

AVANTAR ACTIVIDADES

A lei primixenia; Lei 12/2013, data do ano 2013 e foi denominada de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentar. En 2015 publicou-se un Real Decreto polo que se desenvolvía parcialmente a mencionada lei, e en febreiro de 2020 o BOE publicaba o Real Decreto-lei 5/2020, polo que se adoptaban determinadas medidas urxentes en materia de agricultura e alimentación, que viña a modificar algúns artigos da lei de 2013, en concreto o artigo 9 polo que se introducía no articulado o concepto de “custe efectivo de produción”, e especificaba os factores que se deberían ter de conta para determinar este custe efectivo.

É bon lembrar que o decreto-lei 5/2020 xurde como resposta do goberno español perante a vaga de mobilizacións, en demanda de prezos xustos para as producións agropecuarias, que tiveran lugar durante os últimos meses de 2019 e principio de 2020, suspendidas logo do aparecemento da pandemia provocada pola COVID-19.

En novembro de 2020, fai polo tanto un ano, o goberno español presentaba un proxecto de lei para mudar a lei 12/2013. O 13 de outubro deste ano a comisión de agricultura do Congreso dos Deputados aprobaba o texto sobre ese proxecto de lei, que despois de ter pasado polo Senado será aprobado definitivamente o próximo xoves. Esta modificación especifica que o prezo a recibir polo produtor primario terá de ser superior ao custe de produción.

O que nun primeiro momento, coa introdución do custe efectivo de produción, poderíamos considerar como unha mellora nas relacións contractuais encerraba unha sorpresa para o sector produtor, ao ver-se obrigado a demostrar e xustificar, individualmente, o custe efectivo. Deste xeito os custes de produción terán de ser xustificados por cada unha das explotacións en función dos dados dos que dispor. Obriga que deixa na indefensión á maioría das explotacións agropecuarias da Galiza. E é aquí onde reside a sorpresa e a trampa. Situación que está sendo aproveitada pola maioría das empresas para fixar elas o prezo, co agravante de que este prezo figura como que cubre os custes de produción, e se te negas a asinar o contrato, por exemplo no sector lácteo, non che recollen o leite.

Desde a FRUGA demandamos que organismos oficiais, como o Observatorio Lácteo da Galiza recolla todos os datos necesarios para elaborar un estudio serio e rigoroso sobre os custes de produción e que este estudo serva para fixar o denominado pola lei “custe efectivo de produción”.

Ao final da reunión celebrada no Ministerio o Ministro, Luis Planas, recomendou tempo para a aplicación desta normativa, mas o que nós lle queremos dicir a señor ministro é que o sector produtor non dispón de tempo, porque non o ten, o que necesitamos son prezos xustos para os nosos produtos, porque de non ser así en pouco tempo moitos e moitas imos a desaparecer.