O BNG demanda de novo o arranxo urxente da rotonda da OU-540 ao seu paso por Barbadás

Desde o Grupo Municipal do BNG lembran que xa no pasado mes de marzo reclamaron a execución das obras previstas e mesmo elevaron a situación ao Parlamento galego, sen que ate o momento se teña avanzado nas mesmas

 O Grupo Municipal do BNG no Concello de Barbadás, ven de rexistrar unha nova moción referida ás obras pendentes na rotonda do punto quilométrico 4.2 da estrada OU-540 ao seu paso polo concello.

AVANTAR ACTIVIDADES

Lembra o portavoz nacionalista Sarín Núñez que “no mes de marzo pasado o BNG xa presentou para debate ante o pleno outra iniciativa sobre a situación ao tempo que, paralelamente rexistráronse outras iniciativas no Parlamento Galego tendentes a verter luz sobre este tema”.

Sarín Núñez afirma que “segundo a información que manexamos, no mes de maio a Xunta de Galiza indicaba que a Axencia Galega de Infraestruturas estaba a redactar un proxecto de mellora da seguridade viaria na OU-540, no punto quilométrico 4.2, de maior envergadura que a actuación provisional que se ten adoptado”.

Para o portavoz nacionalista, “o lamentábel é que transcorridos máis de 6 meses desde entón, non consta que exista avance algún na situación de provisionalidade advertida no seu día”, e engade, “o estado orixinal da OU-540 vese modificado por decenas de balizas provisionais e por marcas viarias que ordenan o tránsito na vía de xeito distinto ao inicial, non existindo signo algún que permita albiscar a reforma do vial ou a finalización da situación de transitoriedade que xa é superior a un ano”.

Segundo Núñez, “o estado que presenta o devandito treito condiciona non só a normal circulación polo mesmo, senón que tamén compromete á propia seguridade das persoas que transitan por esa vía, xa que como vimos de dicir, a situación actual imposibilita tanto a velocidade xenérica, como tamén o número de carrís practicábeis”.

Por todo o anteriormente exposto é polo que o BNG de Barbadás solicitará do pleno que o concello inste á Xunta de Galiza á concreción do proxecto de obras de mellora na estrada OU-540, no treito sito nas proximidades do punto quilométrico 4,2 e a súa materialización no menor tempo posíbel. Igualmente solicitan a súa inmediata posta en servizo en condicións de seguridade na totalidade dos seus carrís de circulación.