Inorde e o CSIC colaborarán a prol da recuperación de variedades autóctonas de centeo e avea negra

IES CHAMOSO LAMAS

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, e a vicepresidenta da Organización e Relacións Institucionais da Axencia Estatal Consello Superior de Investigacións científicas (CSIC), Rosina López-Alonso Fandiño, asinaron un convenio de colaboración entre ambas entidades encamiñado a realizar proxectos conxuntos naquelas áreas de interese común destas entidades.

Este protocolo de cooperación entre o Inorde e o CSIC permitirá a organización e execución de actividades comúns relacionadas coa promoción social da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico, realizar estudos e desenvolver proxectos e programas de investigación e desenvolvemento nas áreas científicas de interese común, así como calquera outra acción de interese mutuo que poidan detectar e decidir levar a cabo ambas entidades.

OZOCOgz Deseño Galego

Esta colaboración permitirá a creación de liñas e proxectos de investigacións centradas na recuperación de variedades autóctonas de centeo e avea negra, baseados na colaboración do Inorde co grupo de investigación “Adaptabilidade e sustentabilidade de cultivos” que está integrado na Misión Biolóxica de Galicia, e que permitirá a mellora da adaptación dos cereais ás condicións agroclimáticas ourensás, posibilitando así un cultivo máis sostible.

Desde o Inorde preténdese que esta colaboración sexa moi beneficiosa para o sector agrario da nosa provincia, tendo en conta a capacidade técnica que ten a Misión Biolóxica de Galicia e, polo tanto, o CSIC. “Esperamos que os froitos desta colaboración se expresen a través da recuperación e mellora de variedades endóxenas de cereais cos que o sector sexa capaz de aumentar a rendibilidade das súas explotacións a través dunha aposta decidida polo fomento da biodiversidade e a necesaria busca da sustentabilidade nun sector primario forte e vivo”, asegurou Rosendo Fernández.