Rafael Rodriguez villarino agradece o apoio da militancia na presentación de avais da súa candidatura á secretaría provincial do partido en Ourense

O candidato fixo entrega do máximo de avais para poder concorrer como candidato ás eleccións do vindeiro domingo 23 de xaneiro, tras recibir máis do dobre dos avais requiridos no proceso 

O candidato socialista á Secretaria Provincial do PSdeG-PSOE en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, fixo hoxe entrega na sede do partido en Santiago de Compostela, do máximo de avais requiridos para poder concorrer como candidato ás eleccións que se celebrarán o domingo 23 de xaneiro, e cuxa campaña se iniciará o vindeiro mércores, día 12. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Villarino acudiu esta tarde á sede do PSdeG-PSOE de Santiago, acompañado por Beatriz Domínguez e Xosé Rúas, representantes da súa candidatura, que entregaron o máximo de avais permitidos –o 15 % do censo da militancia da provincia– para presentarse como candidato á Secretaría Provincial do partido en Ourense. 

O candidato socialista, que recibiu máis do dobre dos avais requiridos, manifestou o seu agradecemento e satisfacción polo “gran apoio recibido na provincia e na cidade por parte da militancia”, ao tempo que asegurou atoparse “con moito ánimo e enerxía para seguir loitando por un futuro mellor para Ourense, contando co apoio das mulleres e homes socialistas de toda a provincia”. 

Rafael Villarino anima á militancia a participar neste proceso para culminar o proxecto de cambio socialista iniciado hai 4 anos, coa mirada posta nas vindeiras eleccións municipais, coa intención de acadar máis gobernos municipais na provincia, gobernar o concello e a Deputación de Ourense e rachar co “pacto da vergoña” que o impediu, a pesar dos bos resultados obtidos na provincia e a cidade.