O grupo socialista apoia que compareza o conselleiro de medio rural polos incendios e esixe tamén explicacións a medio ambiente

A deputada Carmen Rodríguez Dacosta quere que se rendas contas polas medidas tomadas para protexer espazos como O Invernadoiro, Enciña da Lastra ou O Courel

A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta apoiou este xoves na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia a petición para que compareza o conselleiro de Medio Rural co fin de dar explicacións sobre os incendios forestais do Courel e Valdeorras. A portavoz da política forestal dos socialistas esixiu tamén que compareza a responsable autonómica de Medio Ambiente polos graves danos provocados polos lumes nos espazos naturais protexidos.

AVANTAR ACTIVIDADES

Durante a súa intervención na sesión da Deputación Permanente do Parlamento, Rodríguez Dacosta sinalou que a conselleira de Medio Ambiente ten que dar explicacións ante a queima de dous parques naturais,  como son O Invernadoiro e a Serra da Enciña da Lastra, e unha zona de especial conservación como é O Courel. Reclamou que se rendan contas sobre actuacións que se están a levar nestes espazos e denunciou que a conselleira de medio ambiente estivo “desaparecida” e “agochada” ante o que calificou como unha “barbarie”.

Igualmente os socialistas anunciaron o seu respaldo á petición de comparecencia do conselleiro de Medio Rural. Pediron que o responsable autonómico da política forestal indique con canto persoal contaba o operativo de prevención e defensa contra incendios cando se iniciaron os lumes. Remitiuse ás denuncias de UXT, CC OO e CIG de “falla de medios humanos e materiais” ante a ola de incendios, así como situacións de abuso laboral para os brigadistas.

A socialista inquiriu que son os propios efectivos os que falan de “descontrol, desastre e colapso” ante a xestión da consellería de Medio Rural. Tamén denunciou que “o monte non estaba preparado para o que se lle viña enriba” pola falta de medidas preventivas leva sendo unha constante durante a última década de goberno do PP. A pregunta que lle fixo ao conselleiro o grupo socialista é o porque non mudaron as políticas ante todas as advertencias de colectivos moi diversos.

Dacosta tamén pediu que o conselleiro dera explicacións ante a falta de asunción de medidas para reformular o sistema de prevención, ante a “constante desmantelación” de servizos no rural e por que motivo segue dedicando o 80% dos cartos a extinción e o 20% a prevención, cando hai consenso na maior importancia das medidas preventivas.