A Confraría da Vera Cruz valora a “grande participación, solemnidade e respecto” cos que se desenvolveron os actos da Semana Santa do Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Xunta de Goberno da Confraría da Vera Cruz do Carballiño vén de emitir un comunicado, no que, en primeiro lugar, fan “unha valoración moi positiva da Semana Santa deste ano, a primeira tras a súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia. Desenvolveuse cunha grande participación, solemnidade e respecto, consolidándose, un ano máis, como unha das celebracións máis importantes da nosa vila”. Engaden que esta pasada Semana Santa “volveu destacar pola súa autenticidade, pola súa riqueza cultural e musical e pola fonda vivencia espiritual presente en cada acto e procesión, mantendo viva unha tradición centenaria profundamente arraigada no noso concello”.

Dende a Confraría expresan “o noso máis sincero agradecemento a todas as persoas que fixeron posible o seu éxito: confrades e colaboradores; nazarenos, penitentes e costaleiros; os obradoiros de Priostía e Costura polo seu traballo desinteresado; bandas de música, corais, artistas e floristas que enriqueceron cada celebración; así como asociacións, empresas e patrocinadores que apoian este proxecto”, agradecemento que tan extensivo tamén “á Parroquia de San Cibrao do Carballiño pola súa colaboración, ao Concello do Carballiño polo seu apoio constante, á Deputación de Ourense e á Xunta de Galicia polo seu compromiso coa nosa Semana Santa, así como aos medios de comunicación pola súa difusión e respecto”.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

E fan dúas mencións especiais: “Por unha banda, á Asociación Española de Coleccionistas de Clicks e á Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas; e, por outra, ás forzas e corpos de seguridade —Policía Local, Protección Civil, Brigada de Obras— e demais servizos implicados, por facer sinxelo o complexo e garantir o bo desenvolvemento de todos os actos”.

Finalmente, dende o goberno da Confraría suliñan que “queremos agradecer ao pobo do Carballiño e a todas as persoas que nos visitaron a súa presenza, participación e respecto, verdadeiro motor desta celebración”.

“Con humildade e orgullo, seguiremos traballando para manter viva esta tradición, conscientes de que a Semana Santa non é só unha celebración, senón unha expresión profunda da nosa identidade, da nosa fe e do noso sentir como pobo. Que todo o vivido nestes días perdure no tempo e continúe unindo xeracións arredor dunha tradición que é, sen dúbida, parte esencial da alma do Carballiño”, conclúen no seu comunicado.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------