A Inspección de Traballo require a PROSEGUR para que active o protocolo de acoso laboral, pola agresión sufrida pola delegada da CIG

A Inspección de Traballo ven de efectuar  REQUIRIMENTO á empresa PROSEGUR a fin de que “leve a cabo a inmediata aplicación do Protocolo de Acoso Laboral” en relación coa agresión que unha traballadora, afiliada da CIG, e representante legal dos traballadores da empresa en Ourense, sufriu na noite do 20 de agosto de 2021, por parte doutro vixiante de seguridade, cando se dispuña a realizar o cambio de quenda.

Valoramos positivamente este requirimento de activación do protocolo, que é xusto o que pedimos desde o Sindicato desde o minuto cero.

AVANTAR ACTIVIDADES

Lamentamos, non obstante, tanto a tardanza da actuación inspectora, como a ausencia de acta de infracción e proposta de sanción, por terse negado a empresa á aplicación de dito protocolo, a pesares de terllo pedido expresamente desde a CIG e tamén a propia traballadora.

Agardamos agora que a Universidade deixe de mirar cara outro lado e interveña dunha vez nun asunto da gravidade e magnitude do que nos ocupa, e esixa da empresa de seguridade apartar ao acusado de agresión das instalacións universitarias.

Mentres, o procedemento xudicial segue o seu camiño, coa mesma lentitude que a actuación inspectora.

E a vítima desta dilatada actuación inspectora e xudicial, é a traballadora agredida, que catro meses e medio despois, segue de baixa a tratamento das secuelas psíquicas que padece desde os feitos daquel 20 de agosto, sen que a mutua, nin o INSS recoñezan aínda a día de hoxe, a situación como derivada de accidente de traballo.

Non obstante, tanto a compañeira, como a Central Sindical, seguiremos actuando coa mesma firmeza e esixindo unha investigación a fondo do acontecido, e, no seu caso, a adopción de medidas, ademais das que procedan disciplinariamente, eviten que feitos coma estes podan volver repetirse.