O Psoe de Ourense pide o fomento do consenso entre veciños e hostalería

IES CHAMOSO LAMAS

O PSdeG-PSOE de Ourense reivindica, unha vez máis, a necesidade dunha nova ordenanza de veladores, que conte co consenso non só dos grupos políticos, senón tamén dos axentes sociais, asociacións e persoas implicadas. Os socialistas urxen a súa aprobación para “mellorar” a convivencia na cidade, e máis cando a parálise na tramitación desta ordenanza afecta a outros temas de saúde pública e benestar como son a regulación dos ruídos ou a erradicación do botellón en Ourense.

Dende o Grupo Municipal Socialista critican o “pasotismo” do grupo de goberno municipal, que leva meses sen dar solución a unha reclamación “histórica” da cidade. Lembran ademais que dende a chegada do PP ao goberno da cidade no ano 2015 “desbotouse por completo a aprobación dunha ordenanza reguladora que o PSOE viña de aprobar no ano 2014 e dende entón a cidade segue rexida por unha ordenanza arcaica e obsoleta do ano 1997, o que provoca un descontrol total na actualidade”.

HIPER MASIDE

Os socialistas remarcan que levan anos resaltando a importancia de “aumentar o control” da colocación de terrazas e prazas da cidade, “co fin de dar resposta á problemática de máis de 450 locais da cidade que contan con licenza de veladores”. Piden tamén que “se fixen unhas liñas fundamentais para evitar o abuso e o descontrol actuais, amparados ata agora por lagoas legais existentes na actual normativa”. Para elo, esíxenlle ao alcalde Gonzalo Pérez Jácome que sente a todos os implicados nunha mesa de negociación para chegar a un “consenso total” e que terrazas e veciñanza poidan convivir en “harmonía” como debería suceder e non está a pasar nalgúns casos.

Para a concelleira do PSdeG-PSOE de Ourense, Juana Ageitos, a situación precisa dun “enfoque transversal” no que a ordenanza “se aborde desde o consenso e en conxunto con outras normativas como as de ruídos, botellón, accesibilidade ou tráfico, de tal xeito que o marco legal resultante sexa o máis amplo posible”. Neste senso, a edil socialista tamén apunta a que é “fundamental” reservar un apartado específico na nova normativa para o casco histórico da cidade, “non só pola súa singularidade”, senón tamén para “evitar a posible sobreexplotación hostaleira” e os “conflitos de convivencia” que poidan derivarse ante a ausencia dunha normativa “conxunta”.

Ageitos remarca a necesidade dunha regulación que permita a “convivencia harmónica” entre a utilización de espazos públicos por parte de comerciantes e hostaleiros e o uso e desfrute por parte da cidadanía. Apunta a que o Concello de Ourense “debe abordar canto antes a redacción e aprobación de dita ordenanza para dar seguridade e regularizar a situación que vive a cidade dunha vez por todas”.

Os socialistas subliñan que o momento actual “é moi difícil tanto para a hostalería como para a convivencia cidadá”, motivo polo que consideran de “vital importancia” que se proceda a “axilizar máis se cabe a ordenanza, chegar a consensos e aprobar un novo marco legal”. Consideran que tras un ano 2021 “marcado pola inacción de Jácome e o PP neste senso, a cidade non pode permitirse perder un ano máis sen unha ordenanza de veladores transversal e de consenso.