AGACA promove máis bolsas para a xerencia de cooperativas

  • O programa gratuíto Apoio á función xerencial en cooperativas agroalimentarias oriéntase a mellorar a capacitación das persoas con formación académica en situación de desemprego e a profesionalizar a xerencia das cooperativas.

As  persoas interesadas en participar poden matricularse en www.agaca.coop e informarse no teléfono 981 58 47 83

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) lanza unha nova edición do programa formativo de Apoio á función xerencial en cooperativas agroalimentarias, que ten dous focos de interese. Por un lado, diríxese a persoas con titulacións de grao medio ou superior preferentemente que se atopen en situación de desemprego e busquen mellorar a súa capacitación para ocupar postos de xerencia empresarial e, por outro, a cooperativas que, ou ben non contan coa figura de xerente ou ben buscan apoio á súa función xerencial. O obxectivo final do programa é mellorar a empregabilidade das persoas participantes.

AVANTAR ACTIVIDADES

A formación para o alumnado comeza cun curso teórico (20 horas, a través de Zoom) e continúa con prácticas presenciais nunha cooperativa agroalimentaria durante 6 meses (a razón de 25 horas semanais), onde experimentará in situ o labor xerencial dunha cooperativa no seu conxunto.

O proceso de selección tanto de alumnado como de cooperativas receptoras producirase entre xaneiro e febreiro de 2022.

As persoas interesadas en tomar parte no programa formativo e as cooperativas interesadas en recibir alumnado en prácticas poden descargar a documentación necesaria en www.agaca.coop e informarse no teléfono 981 58 47 83.

A iniciativa forma parte do proxecto Formación para a consolidación das cooperativas agroalimentarias de Galicia, no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social, xestionado pola Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES),  que inclúe outros programas formativos, un orientado á incorporación ao sector hortícola e outro de incorporación á produción de vacún leiteiro. Conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, mediante a convocatoria de subvencións dirixidas a entidades e empresas da economía social para o desenvolvemento de proxectos destinados á creación de empresas e entidades da economía social ou á mellora da competitividade e o apoio á consolidación empresarial das mesmas.