Espazo Común demandará en pleno unha comisión municipal de investigación sobre os acontecementos no Asilo

É urxente arroxar luz sobre unha cuestión que está xerando moita alarma entre a cidadanía do Carballiño.O alcalde Fumega debe ofrecer toda a información dispoñible dende que forma parte do Padroado

O Grupo Municipal de Espazo Común vai solicitar no pleno da vindeira semana que se cré unha Comisión Municipal de Investigación sobre o acontecido nos últimos tempos no Asilo do Carballiño.

AVANTAR ACTIVIDADES

O escurantismo amosado ata o de agora por Fumega e o seu equipo, evitando respostar pleno tras pleno ás nosas preguntas durante ano e medio, ten que rematar do único xeito posible: dando luz a toda a información dispoñible, analizando as causas dos erros cometidos e garantindo o futuro da Residencia Irmáns Prieto tal e como foi concebida polos seus creadores.

MOCIÓN PARA QUE SE RESTITÚA O ESPÍRITO ORIXINAL DO ASILO DO CARBALLIÑO

A Residencia das Irmás dos Anciáns Desamparados ou como se coñece popularmente en toda a comarca do Carballiño, o Asilo, é un indiscutible emblema desta vila dende hai xa máis dun século.

Dende a súa creación, grazas á implicación social e ao altruismo dos Irmáns Prieto, sempre tivo unha función ben recoñecida de axuda a aquelas persoas en situación de vulnerabilidade ou exclusión, sobre todo dos maiores.

En todo este tempo, foron incontables os carballiñeses que colaboraron desinteresadamente, que traballaron nela ou que foron proveedores ou mantedores desta institución. Xa non digamos os que tiveron familiares na mesma.

Podemos afirmar sen risco a trabucarnos que falamos dun anaco sustantivo da historia do noso pobo.

Os mentados irmáns Prieto deixaron un abundante capital para garantir a súa perdurabilidade que sempre posibilitou dar acubillo a aquelas persoas que non podían permitirse facer fronte aos custos dunha residencia privada. Unha das poucas condicións que deixaron foi que o Asilo fora dirixido pola congregación das Irmáns dos Anciáns Desamparados e só no caso de que estas non poideran, por outra congregación de relixiosas.

Sen embargo, de hai algo máis de dous anos a esta parte, todo mudou radicalmente.

Privatizouse a cociña, privatizouse a lavandería, aumentáronse as prazas, instituiuse unha xerencia externa e foise suprimindo, de xeito pouco claro, a presencia de relixiosas.

Peor aínda, se cabe, é que comezaron a aplicarse tarifas que equiparan esta instalación con calquer outra de índole privado, obviando así toda referencia ao desamparo e abrindo as súas portas só a aqueles que poden facer fronte aos custos determinados.

Apenas fai falla explicar que o que debía ser unha entidade social sen ánimo de lucro,  viuse transformada por decisións ben escuras nun negocio, mercantilizando e traizoando o espíritu orixinal mantido durante moitas décadas.

Sospeitosamente, todas estes cambios foron sendo impostos ás agachadas polo órgano de goberno da Fundación Irmáns Prieto: o Patronato que a dirixe.

E, lamentablemente, coa presenza e complicidade necesaria do alcalde do Carballiño, un dos tres patronos que dirixen dito estamento, é dicir, unha das tres únicas persoas con voz e voto en todo este desagradable cambio de timón na xestión do Asilo.

Todos estes acontecementos xeraron e xeran unha fonda preocupación na sociedade local e é preciso que se dean explicacións moi claras e que se reconduzan as decisións tomadas que buscan converter un emblema do noso pobo nun negocio.

Dado que dende o Grupo Municipal de Espazo Común levamos demandando información ao respecto dende xuño do 2020, data na que fixemos un escrito (repetido o 23 de decembro do mesmo ano) e preguntando en tódolos plenos dende entón, e ante o silencio máis que esclarecedor do rexedor, vémonos na obriga de presentar esta moción.

Visto todo o anteriormente comentado,

                                                                  SOLICITAMOS

  1. Que se constitúa unha Comisión de Investigación con presenza de tódolos grupos municipais da Corporación para esclarecer tódolos feitos e decisións que levaron á corrupción do espírito orixinal do Asilo do Carballiño.
  2. Que se retrotraian tódalas decisións tomadas con premisas mercantilistas e se volte a xestionar o Asilo do Carballiño coma unha institución sen ánimo de lucro e de apoio aos máis desfavorecidos da nosa comarca.