A partires das 00,00 horas do sábado quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia, quedando excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios. Dende hoxe, non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir deste vindeiro sábado.
A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume.
Ademais, a consellería lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.