Concello e Subdelegación do Goberno ratifican a incorporación da Policía Local de Celanova no sistema VioGén de loita contra a violencia machista

IES CHAMOSO LAMAS
  • A Xunta Local de Seguridade aproba o protocolo de convenio que asinará o Concello co Ministerio do Interior para facer efectiva a súa integración no operativo Viogén
  • Con esta nova adhesión a provincia de Ourense conta con sete concellos incorporados ao sistema VioGén

O Concello de Celanova e a Subdelegación do Goberno en Ourense ratificaron a incorporación da Policía Local deste municipio ao sistema VioGén de loita contra a violencia de xénero, segundo acordou a Xunta Local de Seguridade reunida baixo a presidencia do alcalde, Antonio Puga Rodríguez, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso.

A Xunta Local de Seguridade aprobou o protocolo de convenio que posteriormente será asinado polo Concello co Ministerio do Interior para regular a presenza da Policía Local no sistema VioGén, facendo efectiva desta maneira a participación de Celanova neste operativo.

HIPER MASIDE

Con esta nova adhesión a provincia de Ourense conta con sete concellos incorporados ao sistema VioGén: Barbadás, Celanova, Ourense, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Verín e Xinzo de Limia. Este sistema permite que a Policía Local dispoña de maior información sobre todos os casos activos de violencia machista existentes no municipio, asumindo o seguimento e control dalgúns destes casos.

No caso do concello de Celanova a Policía Local asumirá o control e seguimento dos casos considerados de nivel de risco baixo ou de risco non apreciado, mentres que a Garda Civil se encarga do seguimento do resto de casos. O número de casos activos asignados á Policía Local será como máximo do 50% do total dos existentes no Concello, non superando a cifra de catro casos.

En canto aos datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense indican que na actualidade en Celanova hai activos no sistema VioGén seis casos deste tipo, dos cales tres presentan risco baixo e tres presentan risco non apreciado.

Emilio González destacou a lealdade institucional, receptividade e colaboración do Concello e do seu alcalde nesta loita, o que permite incrementar tanto a coordinación como a propia loita contra a violencia machista, posibilitando un mellor aproveitamento de todos os recursos dispoñibles para previr este tipo de violencia a nivel local.

SEGURIDADE CIDADÁ E PLAN DIRECTOR

A Xunta Local de Seguridade analizou tamén a situación de seguridade cidadá no concello de Celanova, destacando a tendencia á baixa no tocante aos delitos graves e menos graves, así como nos delitos contra o patrimonio.

Emilio González trasladou aos representantes das Forzas e Corpos de Seguridade presentes na reunión o seu agradecemento polo traballo e polo esforzo desenvolvido, incidindo na importancia de manter a excelente coordinación existente entre todas as forzas para seguir contribuíndo a que Celanova sexa un concello seguro.

Por outra banda, a Xunta Local de Seguridade introduciu como outro dos puntos da orde do día o Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas para lograr unha maior coordinación. 

Na xuntanza valoráronse moi positivamente as vixilancias realizadas durante o curso 2019-2020 polas Forzas e Corpos de Seguridade nas inmediacións dos centros escolares de Celanova para combater e previr o tráfico, consumo e tenencia de drogas, así como todo tipo de condutas violentas, que continuarán durante o presente curso escolar.

Igualmente, durante o curso 2020-2021 impulsarase a implicación da comunidade educativa, dos proxenitores e do alumnado para incrementar nos centros escolares de Celanova o número de charlas informativas dos equipos especializados das Forzas e Corpos de Seguridade sobre o uso das novas tecnoloxías, sobre o acoso escolar, sobre a violencia de xénero, sobre a prevención de condutas aditivas (consumo de alcohol e drogas, así como adición ao xogo) e outras actividades.