O colectivo veciñal Carballiño agradece a numerosa presencia cidadá na manifestación na defensa do Asilo

O pobo do Carballiño falou con rotundidade. As arredor de 500 persoas que se sumaron á manifestación en defensa do Asilo do Carballiño e do legado dos Irmáns Prieto expresaron sen dúbidas que esta vila está disposta a loitar por preservar un dos seus referentes máis históricos.

O Colectivo Veciñal Carballiño, na súa tarefa de canalizador das inquedanzas de gran parte da veciñanza deste pobo durante anos, quere agradecer a tódolos que acudiron á convocatoria e ós moitos que, sen poder asistir, amosaron a súa adhesión o compromiso e o esforzo.

AVANTAR ACTIVIDADES

A causa paga a pena. Non pode quedar unha soa sombra de dúbida sobre a xestión e o coidado do capital legado polos catro irmáns benefactores hai máis de 100 anos para protexer ós máis desfavorecidos.

Esta asociación pode asegurar que, despois das conversas mantidas co resto de colectivos participantes e das peticións de moitos dos manifestantes, está en disposición de anunciar novas accións e mobilizacións. Sempre e cando, como é lóxico, non se resolva a actual situación de falla de transparencia en todo o que rodea á Fundación Irmáns Prieto e o seu funcionamento.

Temos que facernos eco da sorpresa de moitos dos veciños pola ausencia no acto do alcalde e mesmo de algún representante do grupo de goberno do Carballiño.

Francisco Fumega é actualmente o membro do Padroado designado para defender os intereses dos cidadáns deste pobo e para moitos de nós resultou incomprensible que non acudira a un acto para defender o Asilo.

Agardamos que en futuras actuacións, sí poidamos contar coa súa presencia e apoio.

De novo, reiterar o agradecemento e garantir que o Colectivo Veciñal Carballiño vai manter a súa posición de defender un Asilo de todos e para todos. Como sempre foi.