A Xunta e o Concello de Cortegada analizan as posibilidades de declarar unha área de rehabilitación integral no municipio

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Esta figura daríalle un pulo á recuperación de inmobles de carácter residencial no municipio, no que tamén se está a rehabilitar unha antiga vivenda de mestres

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Cortegada analizarán a posibilidade de declarar unha área de rehabilitación integral (ARI) neste municipio ourensán co obxectivo de impulsar accións de recuperación do patrimonio xa construído dentro do ámbito seleccionado.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Durante unha videoconferencia celebrada esta semana, a conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor Avelino de Francisco abordaron a intención do Goberno local de iniciar os trámites para promover a declaración da que sería a primeira ARI do municipio, unha figura pensada para impulsar sobre todo actuacións e investimentos en materia de rehabilitación residencial en zonas moi concretas e que reúnen unha serie de características similares.

Así, unha ARI é un ámbito municipal de intervención delimitado no que se prevé a rehabilitación de edificios e vivendas a iniciativa dos seus propietarios, a execución de obras de urbanización ou reurbanización de espazos públicos por parte dos concellos interesados e, de ser o caso, a construción de edificios ou vivendas en substitución doutros demolidos.

As áreas de rehabilitación integral decláranse por resolución da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), un cargo que ostenta actualmente Ángeles Vázquez, previa solicitude do concello promotor, polo que a conselleira animou ao alcalde a traballar da man da Xunta para levar adiante esta proposta.

A primeira área de rehabilitación integral de Galicia declarouse en 1996 e actualmente a Comunidade conta con 71 figuras deste tipo repartidas por un total de 43 concellos. Ademais, existen tres ARI de carácter supramunicipal, xestionadas polo IGVS e que son a ARI dos Camiños de Santiago, a ARI do Parque Nacional das Illas Atlánticas e a ARI da Ribeira Sacra, declarada o ano pasado. En total, 159 concellos contan polo menos cunha área de rehabilitación integral, é dicir, máis da metade dos municipios de toda Galicia.

Esta aposta pola rehabilitación do patrimonio xa construído do Concello de Cortegada reflíctese tamén noutras actuacións actualmente en marcha. Deste xeito, estase a rehabilitar unha antiga vivenda de mestres propiedade do municipio grazas, precisamente, a unha subvención de 36.566 euros outorgada pola Consellería con cargo á convocatoria 2020 da orde de axudas para a rehabilitación de inmobles de titularidade municipal.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------