A Xunta estudará colaborar nos proxectos municipais de interese para Ribadavia

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, trasladoulle á alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez, que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estudará a posibilidade de colaborar naquelas actuacións e iniciativas de interese municipal.

Encarnación Rivas e Noelia Rodríguez mantiveron esta semana, en Santiago de Compostela, unha reunión para coñecer as demandas deste municipio ourensán e que teñen por obxectivo mellorar os equipamentos urbanos.

AVANTAR ACTIVIDADES

A directora xeral indicoulle que para determinar o posible alcance, e termos, da colaboración, é necesario coñecer os detalles, obxecto e prioridade das distintas iniciativas de interese municipal e, así, encaixalas na planificación do seu departamento.

Rivas Díaz destacou que o uso responsable do territorio é un valor engadido para os concellos galegos en xeral. Unha cuestión que Ribadavia ten interiorizado, xa que é o único da provincia de Ourense que ten declarada unha Área Rexurbe, unha figura que vai máis alá da rehabilitación edificatoria e grazas á cal se poden impulsar proxectos de dinamización cultural, social e económica.

Nese sentido, cómpre lembrar que as iniciativas deben estar recollidas no plan de dinamización, redactado polo Concello, polo que a Xunta invita a Ribadavia a culminar a súa redacción, co fin de que se poida aprobar e, sobre todo, materializar os propósitos previstos no mesmo.