O Comité súmase á reclamación de desbloqueo no Congreso da ley de memoria histórica

O Comité pide á asociación de comerciantes de Celanova que adopte o topónimo Outeiro da Obra nas súas iniciativas comerciais, e ofrécese a dar unha charla informativa sobre o monumento do Outeiro nun roteiro que organiza esa asociación o próximo 19 de marzo.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova vén de se sumar á petición de colectivos de memoria de todo o Estado para que os grupos parlamentarios no Congreso desbloqueen a tramitación das leis que manteñen a impunidade dos crimes do franquismo. O Comité asinou o manifesto Rompamos a impunidade que reclama “activar xa, e sen ningún atraso máis, as iniciativas memorialistas paralizadas hoxe no Congreso e abrir, xa que logo, as portas que permitan a conquista da verdade agachada e silenciada e que conduzan á aplicación dunha xustiza sen excepcións e a posta en marcha dunha política de Reparación Plena para todas as vítimas do franquismo”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O manifesto da campaña, impulsada entre outras asociacións por CEAQUA (Coordinadora Estatal de Apoyo a la Querella Argentina), lamenta que “as políticas de memoria histórica levadas a cabo até hoxe estiveron orientadas a recoñecementos institucionais moi parciais, mornos, febles e insuficientes e claramente dirixidas á implementación de medidas de carácter administrativo de rango individual , omitindo, a mantenta, calquera tipo de actuación que puidese reverter o modelo de impunidade imperante”.

TOPÓNIMO E OFRECEMENTO A CELANOVA CHEA

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova dirixiuse onte á asociación de comerciantes Celanova CHEA para solicitar que na promoción dunha andaina até o Outeiro da Obra, organizada por esta asociación e prevista para o próximo día 19, adapte o topónimo oficial e histórico de Outeiro da Obra. O Comité apela a sensibilidade dos comerciantes coa memoria das vítimas do fascismo e lembra que o Informe Nº1 deste Comité deixou asentada a recuperación dunha verdade histórica: o carácter fascista e contrario á lei de memoria de 2007 do monumento alí levantado en 1939 por unha unidade militar falanxista. O mesmo Informe recupera o topónimo histórico do espazo: o Outeiro da Obra.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova ten dirixido peticións ás institucións locais e ao Goberno do Estado para que se aplique a lei en vigor sobre ese símbolo fascista, que inclúen a recuperación do topónimo de Outeiro da Obra na sinaléctica.

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova ofreceu á asociación de comerciantes Celanova CHEA a posibilidade de impartir unha breve charla informativa coincidindo coa andaina, para que as participantes coñezan a historia do símbolo e o significado histórico e político do espazo, en base á documentación e ao traballo memorialístico que leva realizando este Comité desde hai máis dun ano.