No día mundial dos ríos denuncian os graves impactos da minaría sobre os ríos galegos

No Día Mundial de Acción na Defensa dos Ríos, Ecoloxistas en Acción xunto con
Amigos da Terra, Enxeñería sen Fronteiras, Plataforma veciñal Mina Touro O Pino
Non, Fundación Montescola, Vida e ría ou minaría?, BerXallas, Plataforma SOS Suído,
Plataforma en defensa da Ría de Arousa, Cornado Mina Non, Beseño Mina Non e
veciñas e veciños afectados pola canteira “As Viñas” denuncian o lamentable estado
de moitos ríos galegos polos impacto gravísimo da minaría.
 As organizacións ecoloxistas e veciñais denuncian que Augas de Galicia e a Dirección
xeral de Recursos Naturais, a pesar de ser coñecedores desta situación, manteñen
unha total inacción fronte a contaminación causada polas explotacións mineiras

No Día Mundial de Acción na Defensa dos Ríos, as organizacións sinaladas denuncian o grave impacto ambiental que sofren as masas de auga afectadas por explotacións mineiras. O Rego do Lourido, o Río Seixo de Landoi, o Rego da Braña Ancha, o Río Brandelos, o Río Portapego, o Río Lañas, o Río Pucheiras, o Río do Burgo, o Río Xuvia, o Río Pesqueira son algúns dos ríos ameazados por explotacións extractivistas como minas de Landoi, no Vicedo, a mina de Varilongo, en Santa Comba, a mina de Viñas nas Somozas, a mina de Touro ou a mina de San Finx.
Denuncian tamén que a administración galega agocha o estado real destas masas de auga coa localización das Estacións do Programa de Control Operativo, xa que moitas delas están colocadas a moita distancia do foco de contaminación. Ademáis, a ausencia total de inspeccións e sancións, non permiten realizar un control axeitado da contaminación procedente de explotacións mineiras, como acontece nos ámbitos de afectación da Mina de Touro, a de Varilongo ou a de San Finx.

AVANTAR ACTIVIDADES

As organizacións ecoloxistas e veciñais sinalan as deficiencias graves tanto na normativa
aplicada como no programa de medidas para mellorar as condicións de explotación e ó
mantemento dos aproveitamentos mineiros. A isto súmanse os constantes atrancos que pon a administración galega para a participación das organizacións ecoloxistas e veciñais nas medidas de protección que poderían axudar á conservación das masas de auga no noso país.
Reclaman un xiro de 180º nas políticas ambientais da Xunta para facer fronte a esta enorme ameaza ambiental para ríos, regatos e mesmo o litoral e as ricas rías galegas. Unhas masas de auga que día tras día sofren continuos episodios de drenaxe ácida de mina e filtración de lixiviados das explotacións mineiras

Video de esta campaña:
https://youtube.com/watch?v=O5GJWrV79XM&feature=share