A Ourense Icc Week desvelará segredos dos inicios de Hombres G e da súa traxectoria de éxito nunha mesa redonda con Paco Martín, Charlie Sánchez e Paco Trinidad

Os relatores, artífices directos da explosión musical da Movida, falarán de “Hombres G: do cumio da industria discográfica a icona pop” dende a súa propia experiencia co grupo. Será o sábado 23 de abril, ás 12,00 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, inaugurando a semana das Industrias Culturais e Creativas, Ourense ICCWeek, que rematará o 29 de abril

A xornada, que comezará ás 11,30 horas no Marcos Valcárcel coa presentación do libro “Ráfagas”, do director artístico Paco Martín, continúa con “Hombres G: do cumio da industria discográfica a icona pop” e rematará á noite co concerto de Hombres G. A cita será ás 21,00 horas, no Paco Paz. As entradas xa están á venda en ataquilla.com

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende os seus traballos dentro da industria discográfica, Paco Martín, Charlie Sánchez e Paco Trinidad son tres grandes protagonistas da Movida dos anos 80 e parte dos 90. Descubriron e produciron a grupos e solistas que xa son parte da historia musical do país como Hombres G, Derribo Arias, Joaquín Sabina, Antonio Vega, Antonio Flores, Luz Casal, Los Secretos, Danza Invisible ou Rosendo, entre outros moitos

Ourense, 19 de marzo de 2022. Paco Martín, Charlie Sánchez e Paco Trinidad son nomes claves no descubrimento e na produción da maioría dos éxitos musicais que arrasaron no panorama nacional do pasado século. Os tres serán os encargados de iniciar a oitava edición da Ourense ICC Week, organizada pola Deputación de Ourense, coa mesa redonda “Hombres G: do cumio da industria discográfica a icona pop”, no Centro Cultural Marcos Valcárcel o sábado 23 de abril, ás 12,00 horas.

Os relatores desvelarán como se xestou unha das carreiras máis sólidas dos grupos nacidos nos anos 80 en España: á da banda liderada por David Summers. Hombres G, grupo que marcou unha etapa, foi un punto de inflexión para toda unha xuventude que abrazou entusiasta a súa música para compartir e coa que sentirse identificados. Son tamén un dos máis grandes grupos de fans do pop en castelán,  pero non serían a banda que son hoxe sen a intervención dos tres homes que conversarán no Marcos Valcárcel o vindeiro 23 de abril. 

Paco Martín, Charlie Sánchez e Paco Trinidad, un triunvirato vital para a historia musical do país, dende a industria fonográfica, tiveron unha mirada cultural e un talento creador -dous eixes da Ourense ICCWeek- que fixeron posíbel a traxectoria profesional da maioría de grupos e solistas con éxitos que aínda soan agora, xeración tras xeración. Antonio VegaLos SecretosLos Ronaldos, Luz CasalSiniestro TotalDuncan DhuManolo GarcíaLos Enemigos o Alejandro Sanz, sen a profesionalidade destes invitados aos mandos das discográficas, como executivos, directores artísticos ou produtores, non houbesen tido o mesmo destino. A xornada, que comezará ás 11,30 horas no Marcos Valcárcel coa presentación do libro “Ráfagas”, de Paco Martín, continúa con “Hombres G: do cumio da industria discográfica a icona pop” e rematará á noite co concerto de Hombres G. A cita será ás 21,00 horas, no Paco Paz. As entradas xa están a venda en ataquilla.com

OS RELATORES

PACO MARTÍN. DIRECTOR ARTÍSTICO

O director artístico Paco Martín é un dos principais artífices do acontecido nos 80. Creou a mítica sala  de concertos RockOla, considerada o templo da movida, e dedicou moitas décadas da súa vida a descubrir talentos musicais convertidos co tempo en auténticas iconas do rock e do pop. Antonio Vega, Pistones, Joaquín Sabina, El Canto del Loco, Los Secretos, Rosendo, Extremoduro, Ilegales, Antonio Flores, Pereza, Danza Invisible ou Los Rodríguez, son só parte dos nomes desa interminable lista, que logrou cos Hombres G a súa primeira gran explosión nacional e internacional, con Perú coma punto de partida. Foi o creador de tres compañías independentes (MR, Producciones Twins y Discos Pasión) e director artístico das multinacionais RCA, Sony e Universal. Paco Martín tamén é autor de varios libros e  presentará, previamente á mesa redonda, ás 11,30 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel, o último: “Ráfagas”, no que fai repaso a época de esplendor creativo na cidade de Madrid na década dos 80.

CHARLIE SÁNCHEZ. PRODUTOR EXECUTIVO

Charlie Sánchez, produtor fonográfico, iniciou a súa traxectoria profesional na década dos  80 como teclista do grupo Alphaville. Foi cofundador da compañía independente Discos Radiactivos Organizados (DRO), asumindo en 1988 a dirección artística ata a venda da compañía a Warner Music, onde se integra desenrolando o cargo de director de Marketing & A&R. No 2007 asume a presidencia de Warner Music Spain e en 2013 a de Warner Music Iberia. Ao longo dos anos traballou con artistas como Gabinete Caligari, Fito & Fitipaldis, Los Rodriguez ou Compay Segundo. No 2020 deixa a  presidencia da poderosa Warner e  toma o camiño do emprendemento creando Metales Preciosos. Música y Discos, un selo moi persoal, afastado das presión dos mercados, no que aposta por darlle ao artista tempo para crecer e madurar.

PACO TRINIDAD. PRODUTOR DISCOGRÁFICO

Falar de Paco Trinidad é falar dun dos mellores produtores  discográficos do país. Tras formar parte do grupo Ejecutivos Agresivos, autores dun dos éxitos do verán coa súa canción “Mari Pili” , entrou na produción firmando traballos con bandas coma Siniestro Total, Los Ronaldos, Los Enemigos, Los Romeos, Décima Víctima, Derribos Arias ou Los Limones. Foi co fundador do selo independente Grabaciones Accidentales (GASA) e ten máis de 73 discos de ouro e 50 de platino, ademais do Premio Ondas ao mellor produtor en 1992 pola gravación de “Piensa en mí”, de Luz Casal. A súa grande produción foi, precisamente, o traballo “Luz V” do ano 89. Foi tamén director artístico da multinacional Polydor e no ano 98 co fundou GPS Music, similar ao que máis tarde sería Myspace ou a máis novidosa Speaket, para a promoción de músicos a través de vídeos nas redes sociais.

PRESENTACIÓN DO LIBRO “RÁFAGAS”, DE PACO MARTÍN

CANDO:  Sábado 23 de abril, 11,30 horas

ONDE: Centro Cultural Marcos Valcárcel

MESA REDONDA “HOMBRES G: DO CUMIO DA INDUSTRIA DISCOGRÁFICA A ICONA POP”

CANDO:  Sábado 23 de abril, 12,00 horas

ONDE: Centro Cultural Marcos Valcárcel

CONCERTO HOMBRES G

CANDO:  Sábado 23 de abril, 21,00 horas

ONDE: Paco Paz