O Psedg denuncia que a Xunta desvirtúa a autovía Ourense – Celanova reducindo o investimento

IES CHAMOSO LAMAS

. A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta acusou hoxe á Xunta de ter desvirtuado a autovía libre de peaxe entre Ourense e Celanova, adxudicada polo goberno de Touriño en 2009 e paralizada por Feijóo ata o pasado ano 2020. Así o dixo no debate dunha pregunta oral no Parlamento de Galicia, na que sinalou que o proxecto da Xunta reduciu á metade o investimento previsto e suprimiu as variantes de Verea e de Bande.

HIPER MASIDE

No proxecto reformado pola Xunta pasan dos 20 millóns de euros previstos hai 13 anos a tan só 9, cun recorte que supón un “novo agravio” nos investimentos precisos para “vertebrar a provincia de Ourense, sinaladamente na comarca da Baixa Limia”, prexudicando á conexión co norte de Portugal. O obxectivo inicial deste proxecto era precisamente conectar a AG-31 dende Celanova ata o Paso da Madalena, na fronteira co país veciño.

A proposta final do goberno galego para a mellora da estrada OU-540 resulta, sinala Rodríguez, “pobre e de todo punto insuficiente”, evidenciando a “nula importancia que o goberno galego lle da a unha demanda largamente esperada”. Lembra que o goberno galego tiña recibido fondos comunitarios antes mesmo das partidas Next Generation EU, que foron desbotados convertendo o que era unha oportunidade histórica nun mero “parche”.

Apunta que logo de ter materializada a chegada do AVE á capital da provincia “esta sería probablemente a infraestrutura de maior interese estratéxico” para Ourense, conectando a capital con Porto en hora e media e con Braga en 60 minutos, o que representa unha área de influencia de 3 millóns de habitantes. Así o entende o mundo empresarial, o comercio e os colectivos sociais que respaldan a mellora do proxecto.

Rodríguez reclámalle ao goberno galego que “estean á altura da oportunidade” que se lles presenta para mellorar substancialmente a industria, o comercio e o turismo de toda unha provincia. Esixe que se poñan a traballar “onde sexa preciso” para darlle “unha solución que atenda ás reivindicacións razoables e sensatas” que trasladan de forma unánime dende a totalidade dos ámbitos políticos, económicos e sociais.