Expourense protagoniza o Día de Galicia na 54ª Feira AGRO de Braga

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A 54ª edición de AGRO, a Feria Internacional de Agricultura, Gando e Alimentación, que se celebra dende onte e ata o vindeiro domingo na localidade portuguesa de Braga, organizou hoxe o Día adicado a Galicia. A província de Ourense estivo representada polo delegado territorial da Xunta de Galicia na nosa província, Gabriel Alén Castro, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

En virtude dos convenios de cooperación transfronteiriza que Expourense mantén con distintas entidades do Norte de Portugal entre as que se atopa o novo FORUM BRAGA, o recinto feiral ourensán conta cun stand dende o que está a promocionar as súas vindeiras citas vencelladas ó sector primario e ó turismo e nas que o mercado portugués xoga un importante papel. Ambas as dúas entidades levan máis de dúas décadas anos colaborando para garantir a promoción dos seus recursos nos eventos organizados pola outra e que están vencellados co termalismo, a gastronomía, o turismo activo ou o viño, potencialidades que comparten as dúas áreas da Eurorrexión.

Durante a visita da comitiva oficial do día ó stand de Expourense, ofreceuse unha degustación de produtos galegos de empresas como é o caso da Denominación de Orixe Monterrei, colaboradora de Expourense durante todo o ano e das empresas ourensáns colaboradoras de Xantar: Grupo Cuevas e Cafés Lisboa. A comitiva local estivo integrada polo administrador da Invest Braga, Carlos Silva; do vereador de Economía de Braga, Antonio Barroso; o vereador de Turismo de Braga, Altino Bessa e do director polo Forum Braga, Carlos Coutinho.

As citas que Expourense está a promocionar en AGRO estes días son:

– TERMATALIA, 20ª Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar – 29 e 30 de setembro de 2022.

– XANTAR, 23º Salón Internacional de Turismo Gastronómico – 9 a

13 de novembro de 2022.

Con esta participación en AGRO, Expourense reforza as súas relacións de cooperación transfronteiriza especialmente enfocada ao ámbito agroalimentario e ó turismo de proximidade co obxectivo de fomentar a competitividade das empresas galegas e, dun xeito especial, dos pequenos produtores ou cooperativistas.

AGRO é unha cita que desenvolve un relevante papel de promoción e divulgación dos produtos e que serve de punto de encontro das empresas agroalimentarias de todo Portugal (e tamén algunhas galegas) recibindo máis de 80.000 visitas en catro días.