O BNG demanda explicacións pola pésima cobertura móbil e internet do concello de Cartelle

Manuel Osorio urxe ao goberno municipal a solventar os problemas de conectividade do concello e a dispoñibilizar espazos con cobertura de internet para o alumnado. 

 O voceiro municipal do BNG de Cartelle, Manuel Osorio, ven de rexistrar no concello unha batería de preguntas e medidas ante a falta de cobertura móbil e o deficiente estado da rede de internet no municipio.

AVANTAR ACTIVIDADES

 O voceiro nacionalista esixiu á alcaldía coñecer o estado no que se atopa o desenvolvemento da fibra óptica e as vindeiras acometidas previstas no concello de Cartelle. En caso de que se atopasen paralizadas, indica Osorio, a organización nacionalista esixe coñecer se a institución municipal ten previsto facer algún tipo de presión  ou negociación coas diferentes operadoras telefónicas para poder levar fibra óptica aos pobos do concello.

 A torre de telefonía de Seixadas é outro dos asuntos que o grupo do BNG traslada ao ente municipal. Demandando información do seu estado actual  e sobre a capacidade real de dita torre para dar servizos aos pobos de Ella de Arriba e de Abaixo, Couxilioño, ou calquera outro dos pobos nos que actualmente a cobertura móbil é moi deficiente e onde resulta case imposible captar o sinal de internet con certa nitidez, ou mesmo facer unha simple chamada sen que se entrecorte, suliñou Osorio. 

 Ante as necesidades do alumnado do municipio, os nacionalista propoñen ao concello que se dispoñibilice un local con cobertura de internet para o alumnado que precise destes servizos ante as deficiencias que padece o concello de Cartelle. 

 Hoxe por hoxe, declara Manuel Osorio, o acceso a unha rede estable de datos é unha necesidade imprescindible para poder acceder a informacións tan básicas e vitais como as citas previas médicas, servizos financeiros, trámites administrativos ou incluso clases e exames telemáticos, canto máis se estamos a falar de concellos do rural.

 Con esta iniciativa respondeu o BNG de Cartelle  a numerosas queixas veciñais do concello e con fillos en idade escola, que veñen padecendo as consecuencias de  non poder acceder con certa estabilidades ás redes móbiles e ás demoras inxustificadas do desenvolvemento da fibra óptica no concello de Cartelle, sobre todos tras un período de pandemia.