ABANCA, Afundación e o Concello de Allariz presentan a mostra «Nós tamén fomos emigrantes»

Abrirase ao público o luns 4 de abril na Casa da Cultura de Allariz

I A exposición enmárcase no proxecto «Corrente cultural» que propicia a colaboración entre o Concello de Allariz, ABANCA e Afundación

AVANTAR ACTIVIDADES

O Concello de Allariz, ABANCA e Afundación presentan a exposición «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX». O acto de apertura terá lugar o luns 4 de abril, ás 12.30 h, na Casa da Cultura de Allariz, e contará coa asistencia de Cristina Cid, alcaldesa de Allariz; Mateo Alonso San Román, coordinador institucional de ABANCA en Ourense; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.

A exposición recolle unha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. Poderase visitar ata o vindeiro 9 de maio de luns a venres de 9.00 a 14.00 h e de 16.00 a 18.30 h.

Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

EventoInauguración da exposición «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX»
LugarCasa da Cultura de Allariz
Data e horaLuns, 4 de abril, ás 12.00 h
  AsistentesCristina Cid, alcaldesa de Allariz Mateo Alonso San Román, coordinador institucional de ABANCA en Ourense Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo