Marina Ortega critica que o PP se négase a aprobar a iniciativa socialista para incrementar o persoal de radioloxía no Chuo

o pp négase a aprobar a iniciativa socialista para incrementar o persoal de radioloxía no chuo e axilizar as listas de espera dos doentes, especialmente das persoas enfermas de cancro

Marina Ortega pide á Xunta que “actúe” despois de que o PP recoñecese na sesión de hoxe no Parlamento que “son conscientes das demoras e da falla de persoal”

AVANTAR ACTIVIDADES

A deputada ourensá cualifica de “inasumible” que un enfermo de cancro agarde “ata 5 meses” por un TAC

O PP vén de negarse a aprobar unha iniciativa socialista para instar á Xunta a incrementar o persoal de Radioloxía no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) e axilizar as listas de espera de doentes pendentes de TAC, especialmente das persoas enfermas de cancro.

Ocorreu hoxe, na Comisión de Sanidade do Parlamento, onde o Grupo Popular votou en contra dunha proposición non de lei defendida pola deputada ourensá Marina Ortega sobre esta cuestión.

Neste marco, a dirixente socialista pediu á Xunta que “actúe” despois de que o PP recoñecese na sesión de hoxe na Cámara galega que “son conscientes das demoras e da falla de persoal” que están provocando que existan enfermos de cancro que teñan que agardar “ata 5 meses, que saibamos, por un TAC”.

A situación “é inasumible”, incidiu a socialista, e máis cando sabemos que existe “unha casuística especial” porque “Ourense é a segunda provincia de España coa taxa de incidencia máis alta de cancro”, chegando a 858 casos por 100.000 habitantes.

“Veñen aquí a dicir que hai falla de profesionais, que son conscientes da situación e que non van facer nada, e aínda por riba critican e fan xuízos de valor sobre a iniciativa presentada polo Grupo Socialista”, censurou a voceira ourensá.

“Que van facer? Cruzarse de brazos mentres teñen as competencias en sanidade?”, cuestionou Ortega, tras pedir ao Executivo galego que deixe “a política de ollos que non ven” e “reverta” a situación “polo ben de manter unha sanidade pública en condicións”.