Presentada no Pazo Provincial a edición da novela gañadora do premio Blanco-Amor 2021: Aquí comeza o mar, de Blanca Riestra

IES CHAMOSO LAMAS

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, expresou a súa satisfacción por completar a edición número corenta dun premio “cuxa organización asumiu a Deputación de Ourense para conservar e manter viva a figura de Blanco-Amor”

O presidente de Galaxia, Antón Vidal agradeceu á escritora coruñesa a elección da editorial para publicar unha novela que a propia autora definiu como unha “reflexión propia sobre a evolución dunha xeración, do meu entorno, tamén de xénero, dun país e dunha lingua que é un luxo e un privilexio”

HIPER MASIDE

Luis González Tosar, presidente da Fundación Blanco-Amor, presentou o libro Taracea Marroquí, que rescata a produción xornalística do escritor ourensán durante unha viaxe a Marrocos en 1935.

A obra gañadora do XL Premio de novela Eduardo Blanco-Amor, Aquí comeza o mar, da escritora coruñesa Blanca Riestra, xa está nas librarías. O libro, publicado pola Editorial Galaxia, foi presentado esta mañá na Deputación de Ourense coa presenza do vicepresidente segundo da institución, César Fernández; o presidente da Fundación Eduardo Blanco-Amor, Luis González Tosar; o presidente da editorial, Antón Vidal; e maila propia autora. No acto presentouse tamén o libro Taracea Marroquí, que rescata a produción xornalística do escritor ourensán durante unha viaxe a Marrocos en 1935.

César Fernández, que augurou a Blanca Riestra un éxito editorial, expresou a súa satisfacción por completar a edición número corenta dun premio “cuxa organización asumiu a Deputación de Ourense para conservar e manter viva a figura de Blanco-Amor”. Un labor ao que se engadiu, lembrou, “a iniciativa de constituír a fundación”, anunciando que a Deputación convocará en breves datas o galardón de 2022 coa aprobación e publicación das bases.

Antón Vidal tivo palabras de agradecemento para a Deputación por manter este galardón, para a Fundación Eduardo Blanco-Amor por facilitar a incorporación de Galaxia ao padroado, e tamén para a escritora por elixir a editorial para publicar o seu libro, “pois tal e como indican as bases do premio, a edición da novela gañadora queda en mans do autor”.

Blanca Riestra recoñeceu que o premio foi “unha sorpresa e unha honra enorme como admiradora de Blanco-Amor e como o premio máis prestixioso de novela en lingua galega”. Definiu o seu libro como unha “reflexión propia sobre a evolución dunha xeración, do meu entorno, tamén de xénero, dun país e dunha lingua que é un luxo e un privilexio”.

Aquí empeza o mar retrata á cidade da Coruña na década dos anos oitenta a través dunha crónica da súa sociedade, marcada por unha serie de personaxes como o que fora alcalde da capital, Francisco Vázquez, e movementos como o intento de creación dunha cidade-estado ou a loita por converterse na capitalidade de Galicia.

Luis González Tosar quixo destacar a elección “por unanimidade do xurado” da obra gañadora do XL Premio de novela Eduardo Blanco-Amor, o galardón máis veterano e de maior prestixio da novela en lingua galega, organizado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco-Amor e dotado cun premio de 15.000 euros.

Recolleita de crónicas xornalísticas desde Marrocos

Tosar foi o encargado de presentar un segundo libro, Taracea Marroquí, que rescata a produción xornalística de Blanco-Amor. Trátase dunha recolleita de “oito deliciosas crónicas cunha prosa brillantísima” escritas para El Pueblo Gallego con motivo da viaxe que en 1935 realizou a varias cidades do norte de Marrocos, “reflectindo a realidade social e política do entón protectorado español e francés”. O libro reproduce ademais preto de trinta imaxes tomadas polo xornalista, algunhas aínda inéditas.

Ademais do apoio da Deputación, Tosar destacou que este libro “é froito da colaboración entre a Fundación e maila Editorial Galaxia”, propietaria dos dereitos de autor de Blanco-Amor “e encantada a promover esta nova colección de xornalismo e fotografía”, apuntou Antón Vidal.

Reunión do padroado da Fundación

Trala presentación dos libros e tamén no Pazo Provincial reuniuse o padroado da Fundación, na que se estudou a posibilidade de establecer senllos convenios de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade e maila Editorial Galaxia para seguir traballando na difusión da obra e a figura do escritor ourensán.