Este ano, a Feira do Viño volve ao seu formato de sempre e celebrarase de maneira presencial no recinto da Alameda de Ribadavia, e contará cun total de 34 participantes, 20 adegas e 14 colleiteiros.

Entre as principais actividades desta edición destacan as Catas comentadas, que contarán coa presenza, xa confirmada, de Susana Barros e de Juanjo Figueroa Treus, que serán os encargados de guiar as sete catas que haberá dos viños de adegas e colleiteiros presentes na FVR.
Por outra banda, a Cata Popular volverá ter o seu espazo. Será a tarde do venres e ao longo de todo o sábado no local social da Madalena onde, como en anos anteriores, o público participante catará a cegas os viños que se presenten ao concurso, dos que sairán os viños premiados por diferentes categorías (branco de adegas, branco de colleiteiros e tintos).
Tamén haberá unha zona gastronómica, con varias Food Trucks e unha pulpeira, que se verán acompañadas na sesión veu aperitivo (14 h) e na sesión nocturna (a partir das 21 h) de varias artistas musicais que farán bailar e gozar aos asistentes. Os máis pequenos terán o seu espazo en Ribeirolandia, onde poderán xogar e divertirse en canto os seus familiares degustan un viño tranquilamente.