- O líder provincial dos populares valora así o plan fiscal presentado esta mañá polo presidente nacional para devolver ata 10.000 millóns de euros aos cidadáns pola recadación extra da inflación
- A chegada de Feijóo á política nacional “dá un novo rumbo á nosa formación”, dí Baltar, “pero non como partido da oposición senón como partido da alternativa”
- Contrapón as propostas do PP “fronte ao goberno máis caro da democracia, coa maior débeda pública, á cola das estatísticas e sostido por partidos que amparan posicións absolutamente rexeitables”.
O presidente do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, afirma que as últimas propostas de carácter económico presentadas polo PP farán que a cidadanía “visualice a alternativa que todos temos clara e que suporá a presidencia da nación para un ourensán como Alberto Núñez Feijóo”. O líder provincial dos populares valora así o plan fiscal presentado esta mañá no Comité Executivo Nacional polo presidente Feijóo para devolver ata 10.000 millóns de euros aos cidadáns pola recadación extra da inflación.
Logo dunha reunión na que tamén se repasou a actividade da formación nas últimas semanas, trala celebración do Congreso de Sevilla, Manuel Baltar sostén que “a chegada de Feijóo á política nacional dá un novo rumbo á nosa formación cun horizonte claro: a presidencia do Goberno”. Un cambio en España da man do Partido Popular “como así din a maioría das enquisas, pero non como partido da oposición senón como partido da alternativa”.
Ante o executivo de Pedro Sánchez e do “todo pola moqueta” contrapón unha proposta seria “fronte ao goberno máis caro da historia da democracia, coa maior débeda pública, á cola de todas as estatísticas, con datos que non son para presumir e sostido por partidos de toda pelaxe que amparan posicións absolutamente rexeitables”.
O presidente dos populares ourensáns defendeu as catro liñas básicas presentadas hoxe por Feijóo para incorporar de xeito inmediato á economía española: a racionalización do gasto burocrático, o redeseño dos fondos europeos; as reformas estruturais para incentivar a actividade e o crecemento; e unha baixada selectiva de impostos, inmediata e temporal para facer fronte ao incremento masivo dos prezos.