A 59ª feira do Viño do Ribeiro recoñece aos gañadores da cata popular

Preto de 200 persoas participaron no concurso no que o público final cata e premia os viños brancos e tintos das adegas e colleiteiros presentes no recinto feiral da Alameda de Ribadavia

Onte tivo lugar a entrega de premios da Cata Popular desta 59ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, ao que asistiron o presidente do C. R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara, a alcaldesa do Concello de Ribadavia, Noelia Rodríguez Traveso ( coorganizadores do evento) e outras autoridades.

AVANTAR ACTIVIDADES

Na categoría de Viños Brancos de Adegas resultou galardoado co primeiro premio Alter 2021 de Priorato de Razamonde e o viño Ramón do Casar 2021, de Adega Ramón do Casar recibiu o segundo premio. Pola súa banda, na categoría Viños Brancos de Colleiteiros, levou o primeiro premio Canción de Elisa 2021 de Adega Dona Elisa. Por último, na categoría de Viños Tintos, o mellor viño tinto de Colleiteiros recaeu en Carpazal Selección 2020 de José Antonio Rodríguez Fernández e o mellor tinto de Adegas resultou ser Preto de Leive 2020 de Leive Ecoadega.

Doutra banda, recoñeceuse como Mellor Catador de Viños Tintos de Adegas a Jesús Moradiellos Arias de Ourense, o galardón de Mellor Catador de Viños Tintos de Colleiteiros levouno Ainhoa Viñuela Don, de Ribadavia. Na categoría de Mellor Catador de Viños Brancos de Colleiteiro premiouse a Darío Vázquez Boullosa, veciño de Ourense e como Mellor Catador de Viños Brancos de Adega a galardoada foi Lara Villamarían Rojo, de Arnoia. Estes premios outórganse ás persoas que máis se acheguen aos resultados finais dos viños premiados nas distintas categorías.

Na súa intervención, Juan Manuel Casares quixo resaltar “o nivel dos nosos viños brancos, que poden competir cos mellores do mundo, apréciase pola cantidade premios que obteñen nos concursos de viños, como o nacional Vinespaña ou Bacchus, o francés Challenge du Vin ou o alemán Mundus Vini. Tamén destaco a potencialidade de futuro dos nosos tintos así como dos especiais tostados e espumosos.” Ademais, fixo un repaso pola xestión durante case cinco anos que leva á fronte do Consello Regulador, onde fixo fincapé nas medidas implementadas en material económica e de control sinalando que “continuamos traballando coa estratexia contundente contra a fraude no uso da marca Ribeiro e quero lembrar que só é Ribeiro aquela botella que leva precinta de garantía”. Por último, fixo alusión á campaña O Camiño do Viño da que comentou que “constitúe unha aposta decidida por dinamizar o noso territorio a través dun plan de acción que o promocione como destino enoturístico, xa que o Ribeiro é moito máis que viño, é tradición, historia, xentes, patrimonio…”

A alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez, súmase ás felicitacións para adegueiros e colleiteiros, e “lembra que para unha gran feira hai que dedicar moito traballo e esforzo, tanto de adegas e colleiteiros como dos viticultores. Este evento é unha posta en valor do noso produto estrela, o viño e ademais dos premiados, gañadores da cata popular, gañamos todos. Agradeceu tamén o traballo dos voluntarios incansables na feira así como o saber estar de todos os visitantes que fan deste evento algo moi grande. Por último, comentou que xa están a contar ansiosos as horas para empezar cos preparativos da 60 edición, que será unha feira especial”.

Cata Popular na Igrexa da Madalena (Barrio Xudeu Ribadavia). Venres e sábado.

Esta actividade, xestionada polo C. R.D.O. Ribeiro, está dirixida ao público final, que é o que cata e premia os mellores viños da feira segundo o seu propio criterio. Do total das 28 marcas presentadas a concurso (11 viños brancos de adegas, 5 brancos de colleiteiros, 5 viños tintos de adegas e 7 tintos de colleiteiros) son valoradas en cata a cegas, é dicir, sen coñecer a marca do viño que se está probando.