O BNG pide transparencia á Xunta de Galiza no referido a adquisición de catro parcelas no barrio das Lagoas para a súa futura sede administrativa e que deixe de obstaculizar o traballo da oposición

Iago Tabarés, “o único que sabemos a día de hoxe é que non hai nin proxecto nin anteproxecto. Tampouco sabemos se houbo unha taxación das parcelas antes de pagar os 8,4 millóns que custaron”

O deputado do BNG no Parlamento galego Iago Tabarés, compareceu esta mañá en rolda de prensa acompañado por Rhut Reza e Luis Seara, concelleira e concelleiro no Concello de Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tabarés comezou a súa exposición lamentando a falla de transparencia da Xunta de Galiza á hora de falicitar información aos Grupos da oposición no Pazo do Hórreo e máis concretamente ao BNG. Segundo o deputado nacionalista, “a Xunta limita a nosa labor de control e fiscalización”, e engade “somos representantes públicos coa responsabilidade de controlar a acción de goberno e a Xunta, no canto de falicilitar a información que se lle require, non fai máis que negarse á respostar”.

Tabarés fixo esta primeira apreciación para situar as dificultades que están tendo no BNG para obter información sobre a adquisición de catro parcelas por parte do Executivo galego no barrio das Lagoas para a construción e centralización de todas as dependencias administrativas actualmente exparexidas ao longo da cidade.

Desde o BNG lembran que xa no século pasado esta cuestión foi actualidade e mesmo que se chegaron a prantexar varios emprazamento como foron o barrio do Couto ou a Finca Sevilla pero o certo é que tal e como expuxo Iago Tabarés, “non cuestionamos a necesidade de dotar a Ourense con esta infraestrutura moi necesaria e prometida xa en tempos de Xosé Cuíña coma Conselleiro senón o procedemento seguido para a adquisición por un valor de 8,4 millóns de euros de catro parcelas no barrio das Lagoas”.

A formación nacionalista denuncia que pese as reiteradas solicitudes de acceso ao expediente e pese a exceder xa o prazo establecido para que a Xunta respostase, a día de hoxe segue sen facelo.

Sen proxecto nin anteproxecto.

O que si puideron constatar desde o BNG é que a día de hoxe non hai nin proxecto nin anteproxecto. “A Xunta de Galiza adquire por 8,4 millóns catro parcelas sen saber nin cómo as vai ocupar, nin o espazo que precisa e se chegarían con unha, dúas ou mesmo se farían falla máis parcelas”.

“Tampouco sabemos se se realizou unha taxación das parcelas para poder verificar se o prezo pagado é o axustado actualmente ao mercado”. Tabarés afirmou que pola información que puideron obter, non a través da Xunta, é que as parcelas agora adquiridas estaban valoradas no proxecto de compensación da zona en 4,9 millóns de euros, sen saber porqué agora “se pagan 8,4 millóns”.

Iago Tabarés rematou anunciando que por terceira vez, o BNG vai reclamarlle ao Goberno galego que remita todo o expediente ao Parlamento para poder ser examinado polos Grupos da oposición.

Soterramento da Avda Otero Pedrayo.

Trala intervención de Iago Tabarés foi o concelleiro Luis Seara quen tomou a palabra para subliñar que aproveitando a futura construción do edificio administrativo nas Lagoas é necesario retomar o proxecto de soterramento da Avda Otero Pedrayo xa que coa súa posta en funcionamento o tráfico na zona, “xa de por sí moi elevado, falamos de preto de 18.000 vehículos diarios”, incrementarase considerablemente.

Seara fixo referencia ás últimas obras realizadas no víal durante o anterior mandato e no que se investiron preto de 2 millóns de euros para a construción de dúas rotondas con semáforo, “perdendo así unha oportunidade histórica de executar un proxecto moito máis ambicioso como é o soterramento”.

O concelleiro nacionalista lembrou que “estamos diante dunha vella reivindicación non soamento do BNG, senón tamén da comunidade educativa e de diversos sectores sociais da cidade”.

Concluiu aludindo a que no pleno do concello do pasado mes de marzo e a instancias do BNG, a corporación aprobou por unanimidade dito soterramento polo que instou ao concello a retomar o proxecto e a solicitar da Xunta de Galiza “o investimento necesario para a súa execución e contribuir deste xeito a facer cidade e a restañar a fenda histórica que existe entre o Campus Universitario e o resto da cidade”.

Iago Tabarés
Luís Seara