Xulio Dobarro:Reádigos “ben merece unha misa…”. Misa solemne na honra de San Lourenzo

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Xulio Dobarro Ferradás.  Profesor xubilado e veciño do Irixo


 Mirando atrás.

 Hai lugares que conservan a memoria escrita nos documentos e outros que a gardan nas pedras, nos camiños e na paisaxe. A parroquia de Santa Baia de Reádigos, no concello do Irixo, reúne ambas condicións. O seu territorio, aínda que reducido, constitúe un dos espazos con maior riqueza histórica e patrimonial da contorna, malia que o paso do tempo e o despoboamento fixesen desaparecer parte do seu legado material e humano.

Igrexa parroquial e campanile adxacente, escaleira en caracol de acceso ao campanario. Imaxes da patroa,  Santa Baia, e do copatrón, San Lourenzo

Situada a ambas marxes do río Viñao, este despídese da parroquia na estrema sur co concello de Boborás. Aquel, en boa medida durante séculos, condicionou a vida económica e social da parroquia, ademais dalgún desacordo coa de San Mamede de Xendive cun delongado litixio abandeirado polo párroco, precisamente polo aproveitamento da auga para regar, moer e batanar.  A documentación histórica permite reconstruír unha parte importante da súa evolución, mentres que a paisaxe segue ofrecendo numerosos indicios dun pasado no que a agricultura, a gandería,  o viñedo e as vías de comunicación -Camiño Real e dos Arrieiros- configuraban un territorio relativamente habitado.

Viaduto visto por debaixo e por enriba entre Santiso e Saavedra. Casa Grande de Santiso ou dos Caldeireiros

Unha das referencias documentais sitúan a parroquia dentro da área de influencia do mosteiro de San Salvador de Chantada, a finais da Idade Media. Este poderoso cenobio administraba numerosos bens distribuídos por diferentes puntos de Galicia, entre eles varias propiedades situadas nas terras do actual concello do Irixo; así, ademais dos da parroquia do Campo e Cusanca,  entre os lugares mencionados aparecen Santiso con capela propia, nos que o mosteiro exercía dereitos de foro sobre as terras, casas e rendas agrarias.

 Nun  dos documentos máis significativos relativos á parroquia, datado en 1489, faise referencia ao aforamento da metade do lugar de Santiso e obriga aos seus moradores a conservar en bo estado as casas e tamén a antiga ermida existente na aldea, proba da importancia que este pequeno núcleo tivo durante séculos. Incluso, modernamente consta no testamento do Bacharel Alas, artífice da construción da igrexa actual, como propietario dalgúns bens neste lugar que legou a uns parentes seus.

A evolución administrativa de Reádigos tamén reflicte os profundos cambios producidos entre o Antigo Réxime e o século XIX. Durante séculos pertenceu á xurisdición da Encomenda de Pazos de Arenteiro, como o caso de Dadín, Cusanca e A Cidá, dependentes da Orde de San Xoán de Xerusalén. Coa desaparición das antigas xurisdicións señoriais e a creación dos concellos constitucionais, Reádigos chegou mesmo a constituír un concello propio en 1821, aínda que a súa existencia foi moi breve. Pouco despois integrouse no concello de Parada de Labiote e, finalmente, pasou a formar parte do actual municipio do Irixo, creado en 1835.

O Catastro de Ensenada, cara 1735, describe unha parroquia relativamente pequena, delimitada polas de Corneda, Dadín, Parada e Xurenzás, cunha economía baseada no cultivo do millo, do centeo, das castañas e da vide. A fertilidade das terras, na actualidade todas a ermo, estaba directamente vencellada coa presenza do río Viñao que, ao longo dos séculos foi depositando materiais de aluvión nas súas veigas, favorecendo unha agricultura máis produtiva que noutras zonas da contorna, así como unha colleita xenerosa do famoso requilante cuxas cepas centenarias cubrían camiños e enxidos ata a beira do río con abondosas aveleras e maceras..

Ribela en primeiro plano, A Barcia, Fontes, (Ferradás desaparecido), ao lonxe Prexigueiro e O Testeiro. Por Santiso, ao pé do Viñao, muíño, aveleras, antiga plantación de viñedo

A diferenza doutras parroquias do Irixo, onde os muíños permanecían inactivos durante boa parte do verán como se demostra polas cargas das rendas polos que tributaban, en Reádigos o caudal do Viñao permitía mantelos en funcionamento durante practicamente todo o ano, converténdoos nun recurso económico de primeira importancia, a onde chegaban desde varios lugares da contorna ata a Barcia, o Casar, Santiso…

A paisaxe actual segue conservando moitos elementos dun ricaz patrimonio inmaterial a base de  Hórreos – A Barcia-, pontes-túneles (O viaduto do tren entre a Pena da Sela e Santiso, unha das obras arquitectónicas máis senlleiras da construción do ferrocarril -1958-, varios pontillóns que comunican a parroquia coas outras limítrofes da Cidade, Prexigueiro,) antigos camiños empedrados (Medieval considérase a calzada que dá acceso á igrexa parroquial), e, de maneira especial, os soutos e carballeiras que acochan castiñeiros en caracocha descabezados para o aproveitamento do froito e da madeira ou carballas esgazadas polo raio ás portas da Barcia ou de Santiso como se estas actuasen de protectoras dos lugares).

Como nas demais parroquias, a toponimia é unha axuda extraordinaria para reconstruírmos parte do pasado. Nomes relacionados coa auga (Fontes, con mina propia; A Barcia, ao pé do río, Ribela, á beira do río….coa vexetación (A Castiñeira, lugar da igrexa); ou cos antigos aproveitamentos agrarios  (Nabeira de…) revelan a estreita vinculación entre a comunidade e o espazo que habitou durante xeracións.

Mais, a evolución demográfica ofrece unha realidade ben distinta. Se a finais do século XIX a parroquia superaba amplamente os trescentos habitantes repartidos entre lugares como A Barcia, Ribela, Santiso, O Casar, Ferradás, A Castiñeira, Fontes e O Outeiro, hoxe apenas permanecen unha vintena  de veciños segundo o censo de 2024. Algunhas aldeas desapareceron completamente  (Ferradás) e outras apenas conservan unha ou dúas vivendas habitadas de maneira permanente (Santiso, O Casar…).

Entre Santiso e A Castiñeira, unha experiencia persoal.

Nun dos retablos laterais, o San Xosé antes e despois da recuperación do Neno Xesús. Santo Antón e a virxe do Carme. O Anxo Músico -probablemente románico-, O Crucificado, no ático do retablo, con mostras policromadas de fondo e o austero cartel da celebración relixiosa

Se teño que escoller un lugar capaz de resumir a identidade histórica de Reádigos, ese pode ser Santiso, tanto pola súa riqueza patrimonial, como por vencellos familiares cos Conde e Ochogavía, apelidos ben representados por estas latituds. O acceso tradicional desde Saavedra, de cando asistiamos ás celebraciósn habituais da mata, o San Lourenzo ou a escoucha do millo, permitía chegar a Santiso por un antigo carreiro -A Freixa- que discorría paralelo á ruidosa pasaxe dos trens sobre a vía férrea recén construída e ao río que, alá no fondo invisible, batía e emitía un rumoroso fragor. Aínda hoxe, malia o avance da vexetación, é posible recoñecer boa parte do carreiro sobre laxas esvaradizas que nin as bestas tiñan seguranza ao pisar, ou as  infraestruturas construídas durante as obras do ferrocarril: muros de contención, polvoreiras, forxas, pasos para o gando e antigos camiños que durante décadas comunicaron o cerna da parroquia coa capitalidade. O percorrido ofrece tamén unha das mellores panorámicas sobre o curso do Viñao e sobre os montes que delimitan a parroquia cara a Parada, Saavedra, O Penedo dos Corvos, e cara á Cidade o solleiro Valdesoiro. -O carreiro aparece sinalizado, aínda que esquecido, como alternativo ao que continúa cara á Penaa a Sela á altura da Ponte de Detrás, que debería ser saneado para o lecer dos camiñantes-.A entrada á aldea por unha senlleira congostra, delimitada por altos valados, carballos e un mol  chan cuberto de follaxe, ademais da alternativa actual da  existencia da estrada que baixa da Pena da Sela, de Astureses ou de Parada,  a paisaxe anuncia xa unha das súas características máis singulares:as cepas que  medraban apoiadas nas pangas e lobios que aproveitaban os camiños  para producir o coñecido popularmente como requilante, fresco, lixeiramente amargo e de baixa graduación. 

O Catastro de Ensenada xa recollía a existencia de viñedos na parroquia, aínda que cualificaba a produción como de modesta e de escasa calidade debido ás condicións climáticas da zona. Con todo, máis que a altitude, -sobre catrocentos metros, a máis baixa do concello- semella que é a limitada insolación provocada polos montes que rodean o val a que dificultou a maduración completa da uva. A pesar diso, o cultivo da vide mantívose ata ben avanzado o século XX e segue habendo persoas que defenden a súa continuidade pola parte da Barcia, Fontes e Ribela con coidadas cepas, ben suxeitas cos flexibles vimbios,  amarelos como o peteiro da merla.

Santiso tamén conserva un dos conxuntos arquitectónicos civís máis destacados do concello: a coñecida como Casa Grande de Santiso ou Casa dos Caldeireiros. Aínda que o paso do tempo provocou un notable deterioro do edificio, os seus elementos construtivos continúan dando mostra da importancia económica que chegou a alcanzar a familia propietaria, cando alá por mediados do século XX aínda desenvolvían o traballo de artesáns no cobre ou follalata.

A ampla solaina, unha parte orientada cara á nabeira, co  Viñao  ao fondo con xeitoso balcón de forxa, a outra parte apoiada en xeitosos piares e canzorros mirando ao amplo curro que no seu día acolleu rabaños de ovellas e outra facenda, toda a estrutura exterior a base de  puido cadeirado de perpiaño, as portadas protectoras e outras construcións adxectivas como o horre revelan unha casa construída con fins produtivos e de certo benestar. Dúas inscricións, correspondentes aos anos 1908 e 1916, permiten situar cronoloxicamente as principais fases da súa construción, converténdoa nun dos mellores exemplos da arquitectura tradicional conservada no concello.

Moi preto da casa situábase a antiga ermida de San Ramón, documentada desde finais da Idade Media e de cuxa construción apenas permanecen algúns vestixios como a solaina ou os remates dos voladizos en coidado granito, xa que foi integrada posteriormente como vivenda particular.

A contorna conserva tamén unha extraordinaria riqueza natural. O bosque de ribeira do Viñao mantén especies caducifolias como ameneiros, bidueiros, aveleras, castiñeiros, carballos e corticeiras centenarias, formando algúns bosques dos mellor conservados do municipio. Durante boa parte do ano, a densidade da vexetación apenas deixa pasar a luz creando un espazo de grande valor ecolóxico que se completa cunha abundancia de muíños, pequenas presas e antigos batáns, e a fauna propia deste medio como vacaloura, lucecú, avifauna variada e mamíferos con tendencia a aumentar: xabarín, corzo, teixugo, lontra… que, segundo un achegado meu, non é de menor interese a riqueza piscícola da troita aínda hoxe en día, a pesar, segundo el, que a escaseza non sería tanto pola existencia das prantas de tratamento de residuos, como pola falta de actividade agrícola que, denantes, invadían a canle os saltóns e outros insectos que contribuían á esa riqueza natural.

Contra a parte máis alta da parroquia, a construción da liña do ferrocarril obrigou a abrir profundas trincheiras, escavar túneles e levantar un viaduto  para salvar a complexa orografía do terreo que vai desde os catrocentos metros de altitude ata os seiscentos por preto do castro de Souteliño, recentemente arrasado polo lume.

A dificultade técnica da construción do ferrocarril resultou complexa nun tempo no que a forza humana era o elemento capital para a execución, -así se cobrou numerosas vidas, unhas por accidente e outras por mala praxis no que era a seguridade e hixiene na angueira- porque entre Reádigos e Cusanca foi necesario perforar túneles, abondosas pontes aéreas e soterradas, varias trincheiras, recheos, e dotarse de  infraestruturas como antigas polvoreiras e forxas, algunhas delas aínda visibles na actualidade entre o monte de Saavedra e o de Santiso ou en lugares como Santiso ou Casares do Campo, ao pé da estación. A inestabilidade política da década de 1930 e a suspensión das obras desembocaron en numerosos conflitos entre as empresas e os traballadores. A prensa da época recolle diversas protestas e tensións relacionadas cos chamados carrilanos, que reclamaban melloras nas súas condicións de vida e traballo. Por enriba, a Guerra Civil agravou aínda máis aquela situación. Algúns dos operarios que traballaban nas obras sufriron persecución política, mentres outros optaron polo exilio ou padeceron a represión derivada do novo contexto político. Entre os episodios máis dramáticos figuran, por exemplo, o suicidio dalgún  traballador  destinado nas obras do túnel de Cusanca, tal e como recolleu a prensa de 1937 e que simboliza o clima de medo e incerteza vivido durante aqueles anos. Ademais dalgún “atentado” con explosivos, atribuído aos traballadores, como mostra do malestar e represión do momento.

Mais Reádigos conserva aínda outro dos seus grandes tesouros: a igrexa parroquial na Castiñeira, un edificio que garda algunhas das pezas artísticas máis importantes do concello, ademais de ser motivo de actualidade nos últimos anos por ser, primeiro obxecto de espolio e despois da súa recuperación do motín .

Na ponte da Barcia e sobre esta. Por Santiso

Reádigos, “ben marece unha misa” polo San Lourenzo

A igrexa de Santa Baia de Reádigos, situada no lugar da Castiñeira, e case invisible pola arboreda que  a cingue, foi construída entre os séculos XVII e XVIII, probablemente sobre outra edificación anterior, da que aínda se conservan algúns vestixios incorporados ao edificio. Entre eles destacan dúas singulares esculturas en granito de probable orixe tardomedieval: un anxo músico encastrado nunha das  paredes da capela maior e unha figura identificada por diversos investigadores como Santa Bárbara ou A Caridade, empotrada na fachada oriental. Estas pezas constitúen un valioso testemuño da continuidade histórica do lugar de culto e enlazan a igrexa barroca coa etapa medieval da parroquia. De camiño ao templo atópase o cruceiro característico coa data de construción na basa. 

A historia do templo está estreitamente vinculada á figura do párroco que se identifica como O bacharel Gómez de las Alas, que,  polos datos disponibles,  todo apunta a que fose natural da vila de Baiona, e exercería en Reádigos como cura-párroco, ademais de comisario do Santo Oficio. O seu testamento, outorgado en 1636, revela non só un considerable patrimonio  económico, senón tamén unha notable formación intelectual pola Biblioteca que posuía. Así, ademais de deixar importantes mandas para o mantemento do templo e para a celebración de misas pola súa alma, legou unha ampla biblioteca, bens inmobles, tanto en Reádigos como en Baiona, converténdose nun dos grandes benefactores coñecidos da parroquia.

O edificio conserva un conxunto artístico de especial interese. O retablo maior, presidido por Santa Baia, patroa da parroquia, complétase con diferentes altares adicados a San Xosé, San Lourenzo coa tìpica grella que o acompaña por ser condenado a ser queimado, a Virxe do Carme, Santo Antón e outras advocacións que foron enriquecendo o patrimonio relixioso ao longo dos séculos. O conxunto complétase cun sagrario do século XVII, cruces procesionais de prata e diversas tallas barrocas de notable calidade, elementos que converten a igrexa nun dos templos con maior riqueza artística do concello do Irixo.

Durante décadas, ese patrimonio permaneceu practicamente sen alteracións. Porén, a diminución da poboación residente, o peche habitual dos templos e a crecente actividade das redes adicadas ao tráfico ilegal da arte sacra fixeron aumentar a vulnerabilidade destas pequenas parroquias rurais.

O perigo materializouse en setembro de 2022, cando a igrexa de Reádigos sufriu un importante roubo. Os ladróns accederon ao templo e substraeron diversas pezas históricas, entre elas un sagrario de madeira, unha talla de Santo Antón e a imaxe do Neno Xesús pertencente ao retablo de San Xosé. O espolio sumábase a outros furtos rexistrados en diferentes parroquias do Irixo e da comarca, convertendo a protección do patrimonio nun motivo de crecente preocupación.

A resposta chegou poucos meses despois grazas á denominada Operación «Cinquecento-Templo Sagrado», desenvolvida pola Garda Civil. A investigación permitiu esclarecer numerosos roubos cometidos en igrexas e pazos das provincias de Ourense e Pontevedra e recuperar centos de pezas de elevado valor histórico e artístico. Entre elas atopábanse tamén os obxectos substraídos en Reádigos.

A identificación e devolución das pezas requiriu un labor minucioso. A colaboración do párroco Miguel Salas e de persoas estreitamente vinculadas á parroquia resultou decisiva para confirmar a procedencia dos distintos obxectos e devolver cada un deles ao seu lugar de orixe. A recuperación do patrimonio coincidiu, ademais, coa celebración da festividade de San Lourenzo, unha circunstancia vivida polos veciños como un motivo de especial satisfacción despois da conmoción provocada polo roubo.

A reposición das tallas devolveu a integridade aos retablos e permitiu recuperar a imaxe tradicional do templo, pero quizais a reflexión máis fonda, tanto para Reádigos como para as demais parroquias está no baleiro humano que avanza irreversible, agás por algúns indicios de salvación aquí e acolá nalgúns lugares coa chegada de persoas ata agora alleas á realidade local.

Con todo iso, Reádigos conserva un extraordinario potencial patrimonial froito da  combinación dunha paisaxe practicamente intacta, un importante legado documental, un rico patrimonio relixioso, así como a arquitectura popular nas diversas manifestacións da contorna que a converten  nun auténtico arquivo vivo da historia rural ao longo do tempo.

Pasando lista, cando corría o ano 1969 en Reádigos.

A pesar dos múltiples atrancos, Reádigos continúa sendo, aínda dentro da súa condición periférica no concello, unha parroquia cun potencial extraoridinario, sobre todo desde o punto de vista do Patrimonio Natural e etnográfico, aos que habería que engadir atractivos como  o de calidade de vida sumando infraestruturas e comunicacións acordes ao século XXI.

NOTA. O título desta reportaxe, “Reádigos ben merece unha misa”, é unha adaptación da popularmente frase atribuída ao Rei Enrique IV de Francia (1593) -”París ben merece unha misa”-,  de cando este acepta o catolicismo, aínda que el era protestante, para así ser coroado e  unificar o reino. No caso de Reádigos, á falta doutros eventos con música e foguetes, e tendo coñecemento soamente dunha “Misa solemne” o día 8 de agosto na honra de San Lourenzo, -día propia o 10- pois, aproveitamos para lembrar que, a pesar do reducido número de habitantes na actualidade, merece ser homenaxeado con estas humildes liñas, dado o inmenso patrimonio que acocha entre os seus lindes.

Esta reportaxe é un resume doutras colaboracións anteriores que foron publicadas en Badal Novas, ademais dalgunha achega, a suxerencia da IA. -Que esta contribúa a mellorar as nosas vidas coa axuda de San Lourenzo!

O Irixo, 5 de agosto de 2026

Xulio Dobarro Ferradás


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



Outros artigos de Xulio Dobarro:

Xulio Dobarro: “A Espiñeira-O Irixo, entre Deza e Orcellón, festas na honra de san Pedro Fiz

Xulio Dobarro: “Corneda, memoria viva dunha parroquia con raíces milenarias, entre o lume e a esmorga”

Xulio Dobarro: O Irixo: convocatoria aberta á participación, difusión e colaboración para a representación d´a Farsa de Cusanca e Orcellón .

Xulio Dobarro. : O Irixo. Da escola á universidade ( V parte) Agustín Alén (a Alén-Froufe-o Irixo-Ourense: 16 de agosto de 1771)

Xulio Dobarro. O Irixo: Dous séculos de ensinanza e promoción escolar ( 4ª parte). O Ensino Primario, A Xunta Local de Primeira Ensinanza e O Couto Escolar

Xulio Dobarro. O Irixo: Dous séculos de ensinanza e promoción escolar ( 3ª parte). Ensino obrigatorio e acceso ao ensino medio : (séc. XIX-XX)

Xulio Dobarro. O Irixo: Dous séculos de ensinanza e promoción escolar ( 2ª parte). Inspección escolar de 1877

Xulio Dobarro: De ensinanza e promoción escolar (O Irixo: Dous séculos. 1ª parte)

Xulio Dobarro. O Irixo: “Desamortización eclesiástica en Orense” ( don Ramón O. P.) sobre bens e rendas aforadas na contorna local

Xulio Dobarro. O Irixo: última  -non derradeira- versión dos topónimos locais (2026)

Xulio Dobarro. O Irixo: Introdución ao Catastro de Ensenada segundo don Ramón O. P. A xurisdición de Orcellón e a Encomenda de Pazos de Arenteiro 

Xulio Dobarro. Crónica de Orcellón e a Castela ourensá

Xulio Dobarro. Ano Ramón Otero Pedrayo, 2026. ”Os camiños da vida”.  De Ourense a Compostela

Xulio Dobarro. O IRIXO: Augas e seca na memoria .Tapacuñas, presas e muíños en retesía

Abraiante outono entre o Irixo-o Carballiño

Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: festas da Asunción e san Roque

Xulio Dobarro: “Con E. Blanco Amor  e  A.D. R. Castelao na cerna da Insua dos Poetas (2009-2025)”

Xulio Dobarro: Do Irixo (Saavedra) a Mallorca  pasando polo Val Miñor-as Mariñas, sobre a técnica  da pedra en  seco ou a “óso”

Xulio Dobarro: “Semana grande na parroquia de Dadín (O Irixo) con peregrinaxe “móbil” e procesión á Pena da Sela

Xulio Dobarro: “Cusanca (O Irixo) e os “Cusanza”, do Viñao ao Ribeirodavia”

Xulio Dobarro: “El monasterio de san Pedro de Lobanes  por  Emilio Duro Peña “

Xulio Dobarro “Quincuaxésimo aniversario da pergrinaxe da virxe de Fátima  desde a Ponte  á Pena da Sela  (1967). Novena  a partir do día 3 de maio -2025.”

Xulio Dobarro “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro”

O Irixo:  “O galiñeiro parrandeiro”  da asociación os Parrandas do Irixo,  acada o 1º premio no desfile de comparsas do entrodo do Carballiño-2025

 O Irixo-Dadín : J. César,  unha década  “de nuestro corresponsal”  de “la Región”  (III)

 O Irixo: J. César,  unha década  “de nuestro corresponsal”  de “la Región”  (ii)

O Irixo: J. César, polo menos unha década (1963-1973) “de nuestro corresponsal”  en “La Región”

Xulio Dobarro: “a memoria recuperada: Centro de Estudos Chamoso Lamas da comarca do Carballiño (o Irixo). Reseña divulgativa

Xulio Dobarro: do “san Isidro” madrileño ao san Cibrao carballiñés, da man de dona E. Pardo Bazán

Xulio Dobarro: “O IRIXO-CUSANCA (San Cosme e Damián) EN FESTAS: 24 E 25 DE AGOSTO”

Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: polas festas do “quince” e o san Roque”

Xulio Dobarro. “O Irixo:Corneda polo señor Santiago (25) e “Os Dolores” (28) (2024) “

Xulio Dobarro. “O Irixo: pola Santa Mariña de Loureiro, a Cidá … e Zobra (18 de xullo)”

Xulio Dobarro. “O Irixo: San Pedro de Dadín e o Regueiro-San Pedro Fiz da Espiñeira e romaría da Virxe do Carme na Pena da Sela”

Xulio Dobarro. “O Irixo: polo San Xoán de Froufe e a Alén senlleira”

Xulio Dobarro. “O Irixo : da terra de Cusanca sesquimilenaria ao santo Antón do Telllado-2024”

Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo do Camiño Nós e as estremas coas terras dezás e Dadín.

Xulio Dobarro: “O Irixo. A Ponte, a capela d´a Fatima e o Camiño Nós”

Xulio Dobarro: “Celebración da festividade de San Marcos no Concieiro-Corneda-O Irixo “

Xulio Dobarro: “O Irixo. Na estrema do Pico Seco. lembranzas e presentes “

Xulio Dobarro: “O Irixo: Parada de Labiote, Basilio Álvarez e San Bertolameu”

Xulio Dobarro: “O Irixo: xúbilo dos “guillotes” ou riadaguenses. A garda civil restitúe o ladroízo, coincidindo coa festa do San Lourenzo”

Xulio Dobarro:”O Irixo-Corneda : festas na honra da “Santísima Virxe das Dores” e outras devocións”

Xulio Dobarro: “O Instituto de Estudios Carballiñeses na cimeira das publicacións en lingua galega en Galicia”

Xulio Dobarro: “O Tellado (parroquia de Cusanca, O Irixo) feira bicentenaria”

Xulio Dobarro: “A Pena da Sela, romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín)

Xulio Dobarro: “O Irixo : as pegadas dos ferrocarrís”

Xulio Dobarro: “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro-Corneda e outras ermidas”

Xulio Dobarro: “O Irixo: Cangues (Santo Estevo), parroquia cativa, pero senlleira “

Xulio Dobarro: ” O Irixo. Patrimonio Mineral “

Xulio Dobarro. O Irixo : Froufe: das raíces en Cebral,Toro na Alén e Cotela en Parteme

Xulio Dobarro. O Irixo: Francisco Ferradás da Pena, ágrafo, mais, filántropo-promotor da primeira escola do concello (1828)

Xulio Dobarro: “O Irixo, miscelánea sobre patrimonio inmaterial”

Xulio Dobarro: ” O Irixo: Requiem por un patrimonio morredizo”

Xulio Dobarro: ” O Irixo: O ano do Bosque “

Xulio Dobarro: ” Reloxos de sol, cruceiros e inscricións varias no Irixo “

Xulio Dobarro: U-los castros do Irixo?

Xulio Dobarro: Escolma artesanal-Oficios varios III

Xulio Dobarro: Escolma artesanal II

Xulio Dobarro: Outono de vida e morte

Xulio Dobarro: Escolma artesanal

Xulio Dobarro. O Irixo: A Pena da Sela plató de “Carballeira” -Tvg: fusión de tradición e modernidade.

Xulio Dobarro. “O Irixo: “trabucos” e “remesas” sen retorno”

Xulio Dobarro: “O Irixo: augas, fontes e seca “

Xulio Dobarro: “O Irixo: auga e lume confrontados. tradición (culta) e popular”

Crónica de Xulio Dobarro: O monte de Saavedra (o Irixo):”o Penedo dos Corvos”: un ben cultural e natural calcinado

Ao pé do Viñao (o Irixo) e o Arenteiro

Carmen Conde Abellán, afectos e saudades galegos (Dadín-O Irixo)

O Tellado (parroqia de Cusanca, O Irixo) Feira bicentenaria

A Pena da Sela, Romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín )

O Irixo-Dadín, berce da poeta Carmen Conde Abellán, mártir, heroína e primeira muller en sentar na R.A.E.

O Irixo: Corneda castrexa,señorial e dona de seu

O Irixo. maio florido, maio festivo :da Fátima ao Tellado

O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I

O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “

O Irixo, escaparate centenario da emigración

O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)

O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).

O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)

O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)

O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono

O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”

Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”

Xulio Dobarro fai a crónica da andaina solidaria “Camiña pola Igualdade” que tivo lugar este sábado no Irixo

O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”

Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor

O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”

O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)

O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira

O Irixo: Ramo lírico ( III )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )

O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela

O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro

O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)

O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote

O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”

O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira

O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda

O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ

O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues

O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo

O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa

Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago

Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo

Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------