
“Soio Ourense -dentro da Galicia das sete provincias do antigo Reino de Galicia- aparece disposta en “Partidos” con cativa diferenza aos Partidos Xudiciais do XIX. Póñanse Carballiño por Orcellón, Verín no canto de Monterrei, e Trives no do Castro de Caldelas, engadindo ademais os Chaos de Amoeiro a Ourense, e Molgas a Allariz. Pero baixo os Partidos eran moitas as xustizas señoriais, e de abadengo e de Ordes, como a Barra da Peroxa e San Munio da Veiga da de Santiago, a Batundeira moi pequena, de Alcántara, ao de Ourense, e as de Beade e Pazos. […]
Na provincia ourensá contábanse máis de duascentas demarcacións, entre cotos e xurisdicións, conceptos non iguais. Hábíaas de unha parrqouia –coto de Corneda- e de un lugar ou un rueiro. Ás veces non sabían os veciños a cal xustiza acudiren. As diferenzas de xurisdicións implicaban as de pesas e medidas dentro da mesma unidade vilega”.
(R. Otero Pedrayo: Síntese histórica do século XVIII en Galicia. Galaxia, 1969).
Ao abeiro das ensinanzas de Don Ramón, no que este ano 2026 estase a enxalzar o seu egrexio labor como escritor e orador, coincidindo co cincuentenario do seu pasamento, ademais, deste parágrafo inicial, a modo de contextualización do que segue, aínda engadiriamos dúas notas maís das súas certeiras reflexións. Unha, á que xa temos feito referencia, en canto á súa opinión sobre arquivos e documentos de nós, tal e como afirma que :”Pouca terra como a galega, hastra o derradeiro copelo ten sido de tal xeito estudada xurídica e procesalmente. Nos pergamiños e papeis de foros, prorrateos, memoriais, inventarios, recursos, “hijuelas”, dormen ademais de infindas novelas, niveis, horizontes enteiros de historia. Vida e horas de aldeas e eidos, o constante arelar amor do labrego envolveito nos vencellos da xustiza, mesturado co quente da paixón, e ese achego ás veces tráxico do labrego ao eido, eixe baiante e romoroso da nova historia. Nomes, descendencias, alcumes, demarcacións. Topónimos, érguense, responden, ordeánse en perspectiva para quen os saiba evocar”. E outra, con respecto á opinión sobre o que tiña suposto o inxente labor “para a Contribución Única e o fabuloso traballo prologal e censo e catastro (da riqueza territorial, pecuaria, industrial e mercantil) chamado “Censo de ensenada”. Segundo o Intendente D. Francisco Xavier García Serón, en carta a Ensenada, para o seu cumprimento nas 3.616 parroquias galegas sería preciso empregar 14.624 libros e dez anos de traballo. O feito aínda hoxe causa admiración, e é fonte informadora de moita valencia. Non sabemos se foi cumprido todo o programa.Coa Contribución “Única” proucurábase substituír o servizo de “millones”, os consumos e as alcabalas. Os pobos tiveron medo. Non por moito tempo. Pois co derrubamento do poder de Ensenada, a “única” foi logo esquencida”.
Nunha das partes que comprende esta “Síntese histórica do Século XVVIII en Galicia”, aclara don Ramón que “Non faltaron casos de representaren ao Rei as cidades de por si, non contando co Reino. Houbo retesías e queixas polo prorrateo dos gastos. Acostumábase a facer por tercias e sextas. Case a soa función do Reino -de Galicia- era a concesión do servizo de “millones” -trabuco ao uso- e o recrutamento. Aquil tributo -ou trabuco- pesaba sobre as mantenzas, as bebidas, en suma os chamados no XIX artigos “de comer, beber e arder”. Outras pensións -trabucos- cangaban os viños e as augardentes. Había tamén as chamadas “”Siete rentillas” (naipes, chumbo, pólvora, azougue, lacre, bermellón, xofre). O sisteme era de asentamentos. Chamábase “diputado de Millones” ao sacado por sorte en cada cidade entre unha lista de fidalgos, rexedores e veciños antigos para xuntárense os sete na Coruña e alí nomear para seis anos ao deputado do Rei”.
Aínda habería que sumar a todo o anterior: “dereitos sobre a neve e xelo ou lazo, dereitos do medidor, e outros, sen contar o monopolio do sal…os dereitos locais dos concellos, os da Igrexa, os pontazgos e portas, os acrecentamentos para obras públicas embarullaban e escurecían o mundo fiscal. Entre os tributos locais da Igrexa figura o de “Cuchara” en Ourense, pola débeda ao Cabildo da Catedral de cada saco ou cesta de gran do mercado….A instauración dos Intendentes espallou un pouco o sistema. Primeiro foi foi un para toda Galicia, despois un por cada provincia. Foron mal acollidos. Representan a institución….A mesma orixe tivo a inimiga e desconfianza diante o proxecto da “Contribución a única”, e os ciclópeos traballos de Censo de Ensenada.
Con estas consideracións previas da man dun dos máis ricaces ensaístas da Xeración Nós, e a modo de síntese sobre o moi diverso e ambicioso proxecto, en canto a trabucos, rendas, obrigas, contraídas coa nobreza, a igrexa e a fidalguía por parte da inmensa maioría da empobrecida veciñanza, foi na daquela considerada cidade de Ourense como a Atenas Galega arredor da Revista Nós fundada o 20 de outubro de 1920, xunta Castelao, Vicente Risco e Antón Lousada Diéguez, coa que propoñemos un achegamento á esa inmensa obra iniciada en 1749-1753 e que aínda se revisaría en 1761 pola “Junta de la Contribución ünica. Expediente de comprobación de bienes del Reino de Galicia, a modo de mostra da realidade socioeconómica do momento no que hoxe é o concello do Irixo. Da que, por outro lado, podemos obter información abondosa, sobre todo en canto a toponimia -que se mantén practicamente inalterada nestes case trescentos anos de percorrido-, os lindes parroquiais que, agás pequenas excepcións, seguen vivos os de entón, así como aspectos relativos á posesión da terra, produtos tradicionais de cultivo, gandería, patrimonio, oficios, censos veciñais, medidas, riqueza vexetal, montes comunais ou da coroa….
Así, e unha vez maís botando man das múltiples ensinanzas do autor, hoxe , quizais maís ca nunca, vén ao caso lembrar esta en particular: “Non hai cousas vellas nin novas, hai soamente cousas vivas e mortas, e non as determina a idade senón o sopro interior que as anima”.

A bibliografía sobre o tema do Catastro do Marqués da Ensenada (1702-1781, conselleiro de Estado durante os reinados de Felipe V, Fernando VI e Carlos III), na actualidade é abondosa, pero non vai ser este o espazo para revisala nin siquera minimamente, xa que se trata unicamente de traer á actualidade a existencia desta documentación monumental que, para uns foi e é obxecto de estudo e difusión, pero que, probablemente, para algunhas persoas resulte novidosa. Os dous lugares de referencia para a súa consulta son as mostras depositadas no Arquivo Histórico Povincial de Ourense -en sala- e no Archivo General de Simancas a través da Ministerio de Cultura (Portal de Archivos españoles),na páxina: WWW.cultura..gob.es. Neste caso pódese acceder ás diferentes xurisdicións, cotos ou parroquias para a información, en formato dixital, na que atoparemos en primeiro lugar unha serie de datos identificativos sobre a “propiedade”, xustiza, pertenza a unha ou outra institución, ben sexa de señorío, como é o caso da Xurisdición de Orcellón “la Expresada Jurisdición es del conde Monterrey, como es público y notorio, quien nombra juez y escribano de número en ella. …Y que por razón de señorío cobra la luctuosa que es de los mas acendados, siendo cabeza de casa a veinte reales y de los menos a ocho, la que percibe en todas las feligresías a excepción de la de Froufe…la de Cameija cuarenta y cuatro, , la de Brués, quince; la de Jurenzás, doce; la de Jubencos diez y seis; la del Campo quarenta; la de Moreiras, doze; la de Longoseiro, diez; la de Veiga, ocho; la de Mudelos, quatro; la de Loureiro, veinte; la de Cangues, seis; y la de Gendive, diez; que componen de total al año doscientos y tres reales y responden”. “Las respuestas generales”(1749-1756) son un conxunto de documentos que recollen as contestacións a 40 preguntas sobre a poboación, territorio, propiedades, cultivos, industria, gandería, e oficios de máis de 13.000 localidades da Coroa de Castela. Chegando a considerarse como unha das maiores enquisas fiscais, ordenada polo Marqués da Ensenada, ao obxecto de dar cumprimento a unha “Única Contribución”. Existen, ademais, “Las respuestas particulares” que veñen correspondendo a declaracións particulares de bens inmobles, rendas e cargas da veciñanza (seculares e eclesiásticas) da daquela Coroa de Castela, organizada en 22 provincias, entre elas, as do Reino de Galicia, que se subdividía nas sete coñecidas do Antigo Reino de Galicia (Betanzos, A Coruña, Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago e Tui), e a provincia de León, que incluía o principado de Asturias. A división que perdura ata a actualidade ten a súa orixe no ano 1833, coa reforma de Javier de Burgos.
O proceso para levar a cabo os traballos do Catastro-censo foi complexo e delongado, especialmente en Galicia, onde se dan unha serie de circunstancias especiais: complexidade xurisdicional, núcleos de poboación dispersos, a fragmenetación da propiedade e a mesma orografía do terreo. Así, houbo que adoptar diferentes medidas segundo os casos. De tal maneira que, se por exemplo, Asturias se catastrou por concellos, en Galicia realizouse por parroquias.
Algunhas destas características propias de Galicia levaron a que en varios casos se alterasen as estremas das parroquias dando lugar a conflitos de lindes ou falta de precisión en canto a lugares, como é o caso daquelas parroquias que, dependendo da Encomenda de Pazos de Arenteiro, non se dan en detalle os datos censais por lugar, senón por parroquia; mentres que as da Xurisdición de Orcellón si se numeran de xeito individualizado, lugares, froitos, veciñanza, etc. No medio de todas estas dificultades, aínda queda de manifesto outra eiva, a dos topónimos que, aínda que na súa maioría, especialmente nos microtopónimos comprobamos con sorpresa que seguen vivos na actualidade, atopamos varios caos de deturpacións daqueles.
O caso é que cando en 1759 se pecha a primeira etapa das averiguacións catastrais e se ordena facer inventario, o resultado foi de 78.527 volumes, distribuídos nas Contadurías da Única Contribución, creadas nas 22 provincias que daquela formaban a Coroa de Castela.
No medio de todo esta intrincada ordenación, aínda se engadiría a existencia de Libros de lo Real, e O Personal de cabeza de casa(seglares e eclesiásticos, por separado) que conteñen lugar por lugar os veciños coas rentas correspondentes, rústicas, urbanas, estado civil, fillos, idade, adicación, ademais doutros chamados de Hacendados mayores, ou tamén coñecidos como libros de la casa mayor dezmera, no que se recollen os pagos que en cada lugar contribúe en maior medida ao pago do décimo.
Unha década máis tarde, cara 1761, pouco despois de ter concluídos os traballos de recollida das “Respuestas generales”, constitúese unha “Segunda junta de la única contribución”, coincidindo co reinado de Carlos III, ao obxecto de substituír as múltiples rendas que a Coroa cobraba en prexuízo dos administrados e da Facenda Pública. Unha das consecuencias que se viu na súa aplicación foi que en base a que o anterior interrogatorio estaba dirixido por persoas da Administración sen lazos cos territorios que avaliaban, que resultaría máis gravosa para os súbditos, mentres que o novo Expediente de comprobación realizado polas autoridades locais reduciría ata un 75 % os valores da renda, o que animou ao goberno a desestimar a aplicación da Contribución Única.
UNHA APROXIMACIÓN AOS RESULTADOS DO INTERROGATORIO DE ENSENADA NO IRIXO
As respostas que han de satisfacer, baixo xuramento, as xustizas, e demais persoas, que farán comparecer os intendentes en cada “circunscrición” suman un total de corenta, aínda que aquelas en varios casos constan como baleiras, por non considerar ben ningún coas características ás que se refire a pregunta.
De xeito resumido recollo algunhas das respostas agrupadas por campo de significado afín. Así, por exemplo, en canto á identidade da propiedade, daranse o nome, superficie e lindes do ben.
Por outro lado, está a valoración do solo e as especies que produce, así como as cualidades da terra que se pode clasificar como boa, mediana ou inferior. Se hai algúns plantíos de árbores por variedades e onde se atopan plantadas de forma continua ou nas marxes, por fileiras ou illadas. Ademais do valor que ordinariamente un ano con outro producen as terras do termo, segundo a cualidade delas.
Que medidas se empregan en cada unidade catastrada, e determinar os pasos ou varas “castellanas”, así como a cantidade de gran que se utiliza para a sementeira. E así para todos os froitos.
Como obxectivo principal da Única Contribución era o da redución de trabucos, debían facerse constar os dereitos que recaían sobre os bens das terras catastradas (décimo, primicia…) e a quen pertencían.

Sobre as propiedades de carácter industrial teñen un interese especial para o caso do Irixo, o catálogo de muíños, batáns, ou “outros artefactos no termo”, pero, non, as minas; salinas, fábricas de papel…que non eran o caso.
Con respecto a animais domésticos son de especial interese os de gando vacún, cabrún e ovino, ademais das colmeas. Advertindo, por exemplo que o esqulieo do ovino non é considerado como unha actividade a contabilizar entre nós.
No apartado de censo de habitantes, ademais do número, han de contabilizarse as casas, as que non están habitadas, arruinadas, e se son de señorío a renda que se pague ao dono.
Sobre os gastos do común, se os houber, debe cada núcleo especificar os salarios de Xustiza, Cárcere, rexedor, festas de Corpus ou outras; lousado de rúas, fontes, portazgos…
Sobre algunhas construcións adicadas ao comercio deben identificarse o número de: tabernas, mesóns, tendas, panaderías, carnicerías, así como, pontes, barcas sobre ríos, mercados, feiras…Se hai algún mercader ao por maior, cambista, ou hospital.
Os oficios regulados van desde o de tendeiros de panos, roupas de ouro, prata e seda, lenzos, especias ou outras mercadorías, sen esquecer a cirurxáns, boticarios, escribáns, arrieiros, e que ganancia se lles regula, aos que se engaden os de artes mecánicas de: albanel, canteiro, albeite, ferreiro, sogueiro, zapateiro, xastre, peleteiro, tecedeira, sombreireiro, explicando o número dos que hai e a súa categoría e a utilidade obtida por cada día traballado.
Se hai persoas a xornal hase de dar o número e a soldada que perciben diariamente, sen esquecerse de cantos pobres de solemnidade se contan.
En cada parroquia faise constar o número de eclesiásticos que, naquel momento, podían ser varios, desde o párroco, ata varios presbíteros coas súas capelas na mesma ou diferente freguesía. Tamén se han de incluír dentro do cómputo das construcións, os conventos, de que relixión e sexo son, e o número de enclaustrados.

Por último, se fose o caso que o Rei nese termo contase con algunha propiedade ou renda, que non corresponda ás xerais ou provinciais, que deben extinguirse, especificar cales son e canto producen.
Anteriormente reproducimos a primeiras páxina correspondente ao Interrogatorio de dúas das parroquias do Irixo, O Campo, dentro da xurisdición de Orcellón, propiedade do Conde de Monterrey e a de Cusanca, propiedade da xurisdición de San Salvador de Pazos de Arenteiro.
As respostas ao interrogatorio non é posible nesta achega ao Catastro de Ensenada incluílas na súa totalidade, tratándose, como é o caso, de que o concello do Irixo do século XXI inclúe 12 parroquias ou freguesías, co engadido de que, como xa será sabido, non todas pertencían á mesma xurisdición e que as dúas xurisidicións (Orcellón e San Salvador de Pazos de Arenteiro) comprendían parroquias que na actualidade están acollidas a distintos concellos, repartidas entre O Carballiño, Boborás e O Irixo. Á complexidade de todo o anterior, súmase no Antigo Réxime a existencia do Couto de Corneda (Xurisdición de Roucos, que despois pasou a mans de María Pardo).
Polo tanto, o que imos desenvolver a continuación é unha mostra do Interrogatorio, a modo de exemplo do que se pode entender común para outras parroquias, tomando como referencia o da parroquia do Campo-O Irixo, dentro da Xurisidición de Orcellón, e con algunha consideración nas parroquias estremeiras, ben por seren da mesma xurisdición ou outra distinta (Á Encomenda de Pazos de Arenteiro pertencían no Irixo: Cusanca, Dadín, Reádigos e Parada de Labiote). Ou por que algunha parroquia compartía padroado cunha xurisdición distinta por parte dalgúns lugares, como sucede con Parteme, Sidre e Frixe, que sendo todos os demais da de Froufe-Orcellón, aqueles están adscritos á Encomenda de Pazos, ou como Orros na parroquia da Cidade, compartido coas dúas xurisdicións).
1.-FREGUESÍAS E VECIÑANZA -SEN INCLUÍR ECLESIÁSTICOS- QUE COMPRENDÍA A XURISDICIÓN -DIGNIDADE- DE ORCELLÓN- 1753-:
SAN MARTIÑO DE CAMEIXA:185
SAN PEDRO FÉLIX DE BRUÉS: 83
SAN PEDRO DE XURENZÁS: 80
SAN PEDRO DA ESPIÑEIRA: 34
SANTA Mª DE XUVENCOS: 127
SANTA Mª DO CAMPO: 127: LUGARES: Baxín, Vila, A Lama, A Ermida do Fondo, Orosa, Menaz, “Eirijo d´arriva”, “Puente eirijo”, O Cardedo, A Felgueira, O Tellado, A Esfarrapa, O Porto da Veiga, Marnotes, A Condomiña, Casares, “Eirijo d´abajo” ( Bótase en falta a Reguega, ademais dos novos topónimos pendentes de consolidar, se é o caso, como; O Abanico, A Estación).
SANTA Mª DE MOREIRAS: 98
SANTA MARIÑA DE LONGOSEIRO: 40
SAN LOURENZO DE VEIGA: 62
SANTIAGO DE MUDELOS: 22
SANTA MARIÑA DE LOUREIRO: 61: Ramil, Lousado, Ribas, A Alén, O Quinteiro, Barro, A Rúa, A Alemparte, Valduíde e Os Amieiros.
SAN XOÁN DE FROUFE: 65: “Zebral”, A Covela, A Alén, Subirol, Surribas, Silvares, Trabazón (actualmente na Espiñeira) , O Covelo, “Frije”, Parteme, “Cidre” e Froufe.
SAN PEDRO (FIZ) DA ESPIÑEIRA: 34: Carballeda, Munín, Espiñeira, Couso e A Candosa (actualmente na parrquia do Regueiro).
SANTO ESTEVO DE CANGUES: 31: O Casar, Santo Estevo e Couso.
SAN MAMEDE DE XENDIVE: 67.
2.SUPERFICIE E LINDES:
A superficie da xurisdición de Orcellón é de dez leguas de Levante a Poñente, e outro tanto de Norte a Sur, de figura redonda, que se pode andar en 10 horas. Como lindes principais: ao N.: A Mámoa Verde estremando coa xurisdición de Oseira; O Monte da Batoca, O Marco de Paciños e o Couto de Lobás; A Ponte Riza, A Costa de Seoane, A Xurisdición de Castro Cavadoso.
Polo Poñente: O Marco de pena Aguda, Borraxas, A Xurisdición de Pazos de A., As Antas, A Xurisdición de Sotelo de Montes…

3.CUALIDADE DO SOLO SEGUNDO AS ESPECIES: Hortas de regadío, e secano; prados de regadío e secano, labradío de regadiío e secano, viñas (a excepción de parroquias como O Campo, Froufe, Cangues e Xendive); Soutos de castiñeiros e devesas de carballos, montes e diversos froitos como: centeo, liño, castañas, millo miúdo, fabas, nabos…
Non se fai regulación das árbores froiteiras e outras variedades vexetais pola súa escaseza.
4.MEDIDAS DE SUPERFICIE E CAPACIDADE: A máis empregada é a fanega, subdividida en ferrado, maquía, cuartillo, copelo; tega, cuartillo, neto, moio, canado, ola, azumbre, cavadura… (1 ferrado en semeado ten en cada cadro trinta varas castelás).
5.ALGÚNS VALORES POR ESPECIE de un ano con outro: 1 ferrado de trigo: 7 reais; de centeo: 4 reais; de millo: 5 reais; de linaza: 7 reais; 1 moio de viño: 30 reais.
6.ALGÚNS TRABUCOS:DÉCIMOS -DE CADA DEZ UN-PERCIBIDOS SEGUNDO A ESPECIE: Trigo, centeo, castañas, porco, becerros, liño, cera, la, cabirtos, viño, coas excepcións derivadas das características produtivas da parroquia.
PRIMICIA: Por cada veciño 16 cuartillos de viño, centeo. As viúvas pagan a metade.
BOTO AO APÓSTOL SANTIAGO e outras cargas como “pensións”, “zenso”, “memorias e fundacións”…
As cantidades estimadas para a parroquia do Campo-O Irixo que percibiría o párroco: 450 ferrados de centeo e 450 de millo; 280 de trigo, 20 ferrados de fabas, 10 de castañas verdes, seis carros de nabos, liño. 40 ferrados, manteiga: 60 cuartillos; en concepto de becerros: 30 reais, ; años: 36; cabras: 6; marranitos da descondoita: 12; Polos: 20 pares; la: 60 libras; cera: 2 libras; enxames: 6; mel: 8 cuartillos; que, en total, dan un valor de “5.000 Reais con 17 maravedís”.
7.SOBRE A EXISTENCIA DE MINAS, SALINAS E OUTROS ARTEFACTOS non se cataloga ningún a nos ser os muíños “fariñeiros” e os de “moa de casca” e fornos. Con respecto aos muíños especifícase para cada propietario o número de rodas e os meses que pode moer, porque segundo o caudal da auga así se establece o valor. Hai unha gran maioría deles que no concello do Irixo só moen tres, catro meses no ano, a non ser aqueles que se atopan preto da canle do Viñao -”Miñao”-. Sobre os de moa de casca para traballar as peles os curtidores, é en Pereiras onde se documenta un deles, con 12 persoas que se adican ao oficio, ademáis dalgún batán como queda reflectido na toponimia.
Son moitos os muíños que aparecen ao longo e ancho das parroquias, á beira do maís pequeno regato en Loureiro, A Espiñeira, Froufe,…en todas. No caso do Campo, contabilízanse os seguintes: 1 en Orosa, ou do Muíño Vello, onde segue vivo este microtopónimo; 1 no porto da Veiga,-ou do Conde, no río dos Pasás do Cnode-Cusanca?; 2 na Cachadiña; un nas Baraceiras, outro no mesmo sitio do cura do Campo; 1 en Baxín; Outro da Ponte “Ferreiros” no río de Baxín, outro na Esfarrapa ou de “Puente nuevo”; outro na “Ponte Eirijo” ou do fondo da Veiga.

8.APROVEITAMENTO DA LA: consideran que non hai esquileo, nin tampouco poden precisar o numero de colmeas. En canto a especies de gando hai “bacuno” y “obexuno”, pero con distinta densidade segundo as parroquias.
9.CONSTRUCIÓNS EN RUÍNAS. Sobre as casas arruinadas suliñar a existencia dun grande número nese estado.“Que la casa de cárcel en el lugar de Puente Brués echa por el dueño de la jurisdición se halla arruinada, y las prisiones andan por turnos en las casas de los vecinos de dicho lugar” .
10.RENDA DAS TABERNAS: As dúas existentes no Campo, unha en “Heirixo de arriva” e outra en “Baxín” supoñen un valor en renta de 630 Reais con 8 maravedís.
11.En resposta á pregunta 29 sobre “cantas tabernas, tendas, panerías, carnicerías, pontes, barcas sobre ríos, mercados, feiras, etc hai na poboación”, declaran “no haver en esta Jurisdición y sus feligresías, persona que tenga mesón, tienda, ni mercado, como, tampoco, barca, si solo, algunos puentes y pontilones que son una de piedra en la feligresía de Campo, llamada y sita en el río de “Eyrixo”, dos en la feligresía de Loureiro, de piedra, llamadas una del moliono de Alén y la otra de las Barcias”.
Esta resposta contradise coa seguinte, ao sinalar a existencia de dúas tabernas, no Campo: unha en Vila, e outra en Irijo de Arriva?.
ECLESIÁSTICOS: Nese momento, a parroquia do Campo, como outras moitas da xurisdición, contaba, ademais do Párroco (Don Pedro Diéguez), con dous presbíteros (Domingo Cuíñas e Isidro Carvalleda) que colaboran no labor propio da parroquia e tiñan ao seu cargo algunha capela: En Menaz, A Esfarrapa, A Ermida do Fondo, Valduíde…
Na fin do interrogatorio engádese unha relación de oficios, e persoas que os exercían, segundo o lugar; así, no Campo están respresentados os seguintes:
Ferreiros: un en Baxín, que traballa tres meses ao ano. Ferradores: un na Ponte, outro no Irixo de Arriba, e outro na Esfarrapa.
Zapateiros: Un en Menaz e un en Baxín.
Tecedeiras: unha en Casares, outra en Menaz, outra en Baxín e unha na Ponte Irixe.
Taberneiros: Un no Irixo de arriba, outro en Vila.
Nas outras parroquias da Xurisdición, tanto de Orcellón como da Encomenda de Pazos de Arenteiro, repítense moitos destes oficios, aínda que hai algúns que son máis específicos dalgunha parroquia polas características propias dela en función do tipo de solo, climatoloxía, froitos, etc. Pénsese, por exemplo, nos curtidores de baqueta tan característicos de Pereiras-Xendive, ou os “tablajeros”, carniceiros, como especialistas no despece de animais, e canteiros por Froufe.
Sobre as demais parroquias ás que practicamente non se fai referencia, como é o caso particular do Couto de Corneda, si hai motivos para polo menos mencionar que entre outras novidades, con respecto á situación actual, algúns lugares como “Eira dos Mouros”, O Eixán” están desaparecidos, mentres que a “Bugalleira de Riba” pasou a incluírse na parroquia de Dadín, a resultas do Arranxo Parroquial de 1893, que, como no caso de Trabazón pasou a Espiñeira, tamén se deu con respecto a Os Espiñeiros, O Paraño, Cerdeira de Baixo e de Riba, e A Candosa que se incorporan á do Regueiro.
NOTA: Como xa advertimos nas liñas anteriores, esta entrega ten como referencia as ensinanzas previas recollidas da pluma de Otero Pedrayo sobre o Catastro-Censo de Ensenada, ás que seguen un extracto do Interrogatorio sobre as “Respuestas Generales” na xurisdición de Orcellón, Parroquia do Campo-O Irixo e algunhas anotacións a respecto das demais parroquias a modo de exemplo de a onde se quería chegar, aínda que o sacrifizo resultou infroituoso.
Sen ningunha outra pretensión máis que a divulgativa do noso.
O Irixo, 26 de marzo de 2026
Xulio Dobarro Ferradás
Outros artigos de Xulio Dobarro:
Xulio Dobarro. Crónica de Orcellón e a Castela ourensá
Xulio Dobarro. Ano Ramón Otero Pedrayo, 2026. ”Os camiños da vida”. De Ourense a Compostela
Xulio Dobarro. O IRIXO: Augas e seca na memoria .Tapacuñas, presas e muíños en retesía
Abraiante outono entre o Irixo-o Carballiño
Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: festas da Asunción e san Roque
Xulio Dobarro: “Con E. Blanco Amor e A.D. R. Castelao na cerna da Insua dos Poetas (2009-2025)”
Xulio Dobarro: “Cusanca (O Irixo) e os “Cusanza”, do Viñao ao Ribeirodavia”
Xulio Dobarro: “El monasterio de san Pedro de Lobanes por Emilio Duro Peña “
Xulio Dobarro “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro”
O Irixo-Dadín : J. César, unha década “de nuestro corresponsal” de “la Región” (III)
O Irixo: J. César, unha década “de nuestro corresponsal” de “la Región” (ii)
O Irixo: J. César, polo menos unha década (1963-1973) “de nuestro corresponsal” en “La Región”
Xulio Dobarro: do “san Isidro” madrileño ao san Cibrao carballiñés, da man de dona E. Pardo Bazán
Xulio Dobarro: “O IRIXO-CUSANCA (San Cosme e Damián) EN FESTAS: 24 E 25 DE AGOSTO”
Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: polas festas do “quince” e o san Roque”
Xulio Dobarro. “O Irixo:Corneda polo señor Santiago (25) e “Os Dolores” (28) (2024) “
Xulio Dobarro. “O Irixo: pola Santa Mariña de Loureiro, a Cidá … e Zobra (18 de xullo)”
Xulio Dobarro. “O Irixo: polo San Xoán de Froufe e a Alén senlleira”
Xulio Dobarro. “O Irixo : da terra de Cusanca sesquimilenaria ao santo Antón do Telllado-2024”
Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo do Camiño Nós e as estremas coas terras dezás e Dadín.
Xulio Dobarro: “O Irixo. A Ponte, a capela d´a Fatima e o Camiño Nós”
Xulio Dobarro: “Celebración da festividade de San Marcos no Concieiro-Corneda-O Irixo “
Xulio Dobarro: “O Irixo. Na estrema do Pico Seco. lembranzas e presentes “
Xulio Dobarro: “O Irixo: Parada de Labiote, Basilio Álvarez e San Bertolameu”
Xulio Dobarro:”O Irixo-Corneda : festas na honra da “Santísima Virxe das Dores” e outras devocións”
Xulio Dobarro: “O Tellado (parroquia de Cusanca, O Irixo) feira bicentenaria”
Xulio Dobarro: “A Pena da Sela, romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín)
Xulio Dobarro: “O Irixo : as pegadas dos ferrocarrís”
Xulio Dobarro: “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro-Corneda e outras ermidas”
Xulio Dobarro: “O Irixo: Cangues (Santo Estevo), parroquia cativa, pero senlleira “
Xulio Dobarro: ” O Irixo. Patrimonio Mineral “
Xulio Dobarro. O Irixo : Froufe: das raíces en Cebral,Toro na Alén e Cotela en Parteme
Xulio Dobarro: “O Irixo, miscelánea sobre patrimonio inmaterial”
Xulio Dobarro: ” O Irixo: Requiem por un patrimonio morredizo”
Xulio Dobarro: ” O Irixo: O ano do Bosque “
Xulio Dobarro: ” Reloxos de sol, cruceiros e inscricións varias no Irixo “
Xulio Dobarro: U-los castros do Irixo?
Xulio Dobarro: Escolma artesanal-Oficios varios III
Xulio Dobarro: Escolma artesanal II
Xulio Dobarro: Outono de vida e morte
Xulio Dobarro: Escolma artesanal
Xulio Dobarro. “O Irixo: “trabucos” e “remesas” sen retorno”
Xulio Dobarro: “O Irixo: augas, fontes e seca “
Xulio Dobarro: “O Irixo: auga e lume confrontados. tradición (culta) e popular”
Ao pé do Viñao (o Irixo) e o Arenteiro
Carmen Conde Abellán, afectos e saudades galegos (Dadín-O Irixo)
O Tellado (parroqia de Cusanca, O Irixo) Feira bicentenaria
A Pena da Sela, Romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín )
O Irixo: Corneda castrexa,señorial e dona de seu
O Irixo. maio florido, maio festivo :da Fátima ao Tellado
O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…
O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II
O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I
O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “
O Irixo, escaparate centenario da emigración
O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)
O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).
O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)
O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)
O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono
O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”
Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”
O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”
Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor
O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”
O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)
O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira
O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )
O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )
O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela
O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro
O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos
O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)
O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)
O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote
O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”
O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira
O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda
O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ
O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues
O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo
O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa
Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958
Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago
Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo
Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)
Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo
De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.









