o primeiro universitario local en santiago


(EXTRACTO)
PERSONAXES PRINCIPAIS:
CUSANCA, moza casadeira e vinculeira. Caracterizada con roupa xovial.
ORCELLÓN, mozo vinculeiro en idade de casar. Vestiario diferenciado e superior.
OUTRAS PERSONAXES:
TRATANTE DE GARABÁS, cos atributos propios da profesión:gardapó, caxato…
MARCÓN, veciño de mediana idade.
TENDEIRA DE DACÓN: Muller fornida, cun avantal de dúas faltriqueiras no centro.
MARIPEPA, muller adulta, veciña de Cusanca, roupa escura.
AMUNDINA, muller adulta, veciña da parroquia, roupa escura.
O FERRADOR DO REINO, mediana idade. Mandil de coiro e carácter rexo.
POLBEIROS (Arturo e Sira, maiores).
O CURA DON RAMÓN DE SAN COSME.
O CURA DON MANUEL DE DADÍN.
MOZA 1 e MOZA 2, veciñas da parroquia de Cusanca.Vestiario menos rechamante có de Cusanca.
MOZO 1 MOZO 2, veciños da parroquia de Cusanca. Vestiario máis discreto có de Orcellón.
PAI DE ORCELLÓN-PEDRO
NAI DE ORCELLÓN-ROSA
PAI DE CUSANCA-COSME
NAI DE CUSANCA: PRECIOSA
ESPAZO : O Tellado nun día de feira (localizacións segundo a actividade), a carballeira da Pena da Sela, o día da romaría e solaina da casa de Cusanca no Foxo.
TEMPO CRONOLÓXICO: Arredor do ano 1950 en catro xornadas que, cada responsable da representación organizará ao seu xeito en actos diferenciados e escenas ou non, segundo os recursos disponibles.
TEMPO METEOROLÓXICO: Inverno e verán cadrando coa Candeloria, o santo Antón a romaría da Pena da Sela e o san Bertolameu.

Pegadas do que foi o lugar do Telllado de cando a FEIRA era feira de verdade o 2 e 17 do mes
ESCENA I.
No campo da feira das vacas do Tellado, o día 2 de febreiro, día da Candeloria, cara ao ano 1950. Balbordo propio dun día de feira.
TRATANTE DE GARABÁS (Levitón gris, caxato e tesoiras)
-Bos días, Marcón. ¿Como se presenta a feira de hoxe, día da Candeloria?
MARCÓN: (Baixote, vestimenta escura, sinxela. Corda e vara en cadansúa man).
-Ben. Seguro que mellor lle irá a vostede. Pero, como cadaquén fala da feira segundo lle vai nela, pois xa ve…(mostrando a corda) -a toura xa a vendín ao chegar ao Tellado de Baixo, aínda que por aquí anda corrido iso de que “Non trates cos de Garabás, mira o que fas”…-Seica a moitos nunca lles devolveron a corda que levaba a vaca despois de vendérllela…
TRATANTE DE GARABÁS:
-Sería Xaraghón de Garabás quen lla mercou. ¿Unha xuvenca rubia de catro dentes ás portas de parir? CUSANCA:
-Pois, si. O mesmo. Xa me dixo a feira pasada que se chama Orcellón, que é vinculeiro, que vén sendo da Casa Grande da Alén, na parroquia de Froufe, con moitos ferrados a prado, monte, viña, leiras…non sei cantas vacas, ovellas, cabras, dúas bestas: unha egua para o diario e un cabalo para presumir. Que teñen vacas botadas por toda a parroquia, muíño da maquía, forno e pombal propios, moitos castiñeiros, carballas e corticeiras centenarias para os cortizos nas solleiras alvarizas …Ata me chegou a dicir que das súas devesas saían carros acugulados de leña para Cea …Un vindeover !!!
MOZA 1:
-Touporoutou, María Castaña ¡O aire e o vento!
-Non fagas caso de todo o que che diga (Do óido nada crido, e do visto, a metade…). Estes da montaña, medio dezaos, sonche algo faroleiros. A ver se cadra se vai andar detrás de tí polos teus “ferrados” que “non menosprezando a ninguén, tampouco hai queixa pola tua parte”…¿Ou, acaso non es ti tamén vinculeira e con moito “chau”?
-Eu, por min…Alá ti. -¿Sabes que che digo? que se cadra cúmprese iso de : “Vacas no banco e cartos a medias” (Rindo).
CUSANCA:
-Boh…Imos indo cara ao lenzo, coma quen que é para retratármonos…A ver se xa se esqueceu de min desde hai só uns días…
MOZA 1:
-Xa, xa ..Polo que se ve, ti non te esqueciches del…
CUSANCA: (Medio rindo..)
-Se ten “tanto chau”, vacas, pombal e ciprés…Só lle faltaría a capela para cumprirse aquilo da tradición galega que seica “casa con capela, pombal e ciprés, pazo é”, pero, polo de agora, o que temos á vista é abondo, o resto xa se verá…Non si?
CÁNTIGA DE FONDO:(Voz feminina, que pode ser a de Cusanca)
“Teño unha herba na horta,
que lle chaman a malvela;
para contestar comigo,
cómprelle un ano de escuela”
ESCENA III (Á beira do lenzo, achégase Orcellón)
CUSANCA: -¿Oíches? É por ti…
ORCELLÓN (Revolvéndose con cara de sorpresa)
-¿Quen me chama?. -¡Ai, es ti! Non, non me esquecín de ti, nin do teu nome, Cusanca. Téñote sempre presente cando estou coa garda das vacas a soas, alí contra a solleira aba de Subirol. Xa non é a primeira vez que chego ao curro sen algunha…
CUSANCA:
-Nin eu do teu, Orcellón. Que ata me foxe a canela do tear cando quedo a soas. As meadas retórcense máis, os nobelos escapan do queipo e o sarillo dá voltas sen xeito.Beizón que te atopo; porque no medio deste xentío non é doado.¿Vaste retratar?
ORCELLÓN:
-Non. Xa fun a feira pasada. Veño de recoller os retratos de meu pai, miña nai e mais eu para enviarllos ao meu padriño emigrado na Arxentina, onde leva media vida…
MOZA 1:
-Créocho ben. ¿Quen non ten alguén da familia emigrado na América? Moitos non voltaron nin voltarán. Pois, como di a miña veciña, algúns cando retornaron viñan nos ósos, así que “a que lle comeu a carne que lle zugue os ósos”. ¿Non si?. Así tocarás a máis…

MOZA 2:
-Dicídemo a min que levo agardando por el e gardándolle a ausencia a quen vós sabedes e así estou como “viúva de vivo” quizais por sempre e, como din por aí “soa de sobre si”.
ORCELLÓN:
-É dia de troula, non de carpideiras, que para isto non viría andando desde Froufe e coa xeada que había, ter que voltar a pé contra a noitiña, por eses camiños cruzados de silvas e congostras enlamadas desde que os arrieiros cara a Deza van a menos.Ter que chegar á Ermida do Fondo, pasar a carballa e a ventosa Romiña, ata baixar cara Silvares, Surribas…non é pouco… e deamos grazas que non apareza algún lobo, anturuxada ou sacaúntos…
CUSANCA:
-Tes razón. “Un home é un home e un gato é un bicho”. Así que, a folgar…

ORCELLÓN:
-Sabiades que o dezasete último, uns que viñan da parte do Sanguñedo, primeiro desfixeron a feira berrando iso de “o que me dea un pau doulle un peso, se é de carballo cincuenta reás”, e batendo nun caldeiro cunha cebola cravada na punta dun pau como se fose na mata do porco, ata que uns do Campo se revolveron contra eles a base de cantazos e algún que outro disparo de pistola… Recemos para que hoxe non se repita e poidamos ter a feira en paz…¡Meigas fóra!
CUSANCA:
-¡Loado sexa Deus! Veña, imos facer o paseo das mozas dunha á outra punta, agora que xa remataron as carreiras e os concursos de andadura.
-¿Como non trouxeches hoxe a túa besta?
ORCELLÓN:
-Non. Meu pai, como viu a liorta do outro día, non quería que a súa alfaia máis prezada correse perigo. Ademais que, non quero sobar o traxe…(Chíscalle un ollo).
CUSANCA: (media escandalizada pola chiscadela e á vez compracida)
-Non vaia ser que perdeses o creto…
ORCELLÓN:
-O creto era o de menos. O peor sería perderte a ti…
CUSANCA:
-¡Malio demo te leve !!!. Non me fagas poñer vermella…
-¿Sentamos nese poio, debaixo dese castiñeiro, ao carón do cacharreiro de Niñodaguia?
CÁNTIGA
Se vos gustou esta copla,
tocarémola outro día;
que son as doce da noite,
acabou a romaría”
III ESCENA (Música de gaiteiros de fondo, na romaría).Reunión de mozos de S. Cosme de Cusanca ao encontro de Orcellón)
MOZO 1:
-Seica anda corrido por toda a parroquia que Cusanca, a do Foxo, puido quedar encinta o día da feira da Candeloria, que se viu co tal Orcellón…
MOZO 2:
-Home, por unha ou outra razón, a verdade é que non se lle ten visto en feira, festa ou misa desde ese día e xa van para alá catro meses. ¿E se foi con-sentido?
MOZO 1:
-Vai ti a ver…Pregunteille a seu pai por ela na feira pasada e todo o máis que lle puiden entender entre dentes foi que “anda mal” ou algo da “paletilla caída”…
MOZO 2:
-Seica lle gustaba ese mozo de alá da parroquia de Froufe, e aquel día da feira do Tellado da Candeloria, aproveitando o barullo que se formou, puido haber máis que carantoñas…
MOZO 1:
-Pois, se hoxe andan ambos os dous por aquí, a ver se o arranxan… e se non teremos que falar con el …Ou, ¿se cadra non é moito do caso?
MOZO 2:
-Non sei, non sei. Alí os van…El é o do chaleque con leontina e ela a da saia longa e chambra escuras.
MOZO 1:
-Cando a vexa a soas, hoxe ou outro día alí pola parroquia xa llo preguntarei a ela, ou a súa nai polo conto…Non che parece?
MOZO 2:
-Home, sí. Se ela cala por vergoña, teremos que preguntarllo a ese “espigado montañés” que, dis que se chama Orcellón.
-Mira. Vén cara aquí. Atállao…
MOZO 1:
-Así que ti es Orcellón. -¿Non si?
ORCELLÓN:
-Son. Para servilos.
MOZO 2:
-Non é cousa de “servizo”, senón de “homes feitos e dereitos”
ORCELLÓN:
-Son todo oídos. Vostedes dirán…
Unha mostra das coplas intercaladas na representación
Houbo un ilustre fidalgo,
“Casas grandes”, bispo e prior,
que só angazaron para si
sen vergoña nin temor.
Voaron douscentos anos:
“noites de pedra” e tormentos,
carreiros embulleirados,
horizontes neboentos.
Estas e outras coplas
aquel cego recitaba
cada feira do Tellado,
que a zanfoña repicaba.
Miñas donas e señores,
esta ronda rematou.
Agardo que desfrutasen
co que este cego contou.
A FARSA DE CUSANCA E ORCELLÓN procura poñer en valor a existencia destes dous topónimos enchidos de historia dentro da que hoxe podemos identificar como a bisbarra do Carballiño e así darlles visibilidade, incorporándoos á ficción literaria. Por que Cusanca e Orcellón? Pois, porque lles acaen moi ben para, por un lado recuperar unha parte da nosa intrahistoria, do que foi Terra/Arcedianato/Dignidade/Xurisdición de ORCELLÓN durante o Antigo Réxime. E, por outro, un recoñecemento á que foi nomeada como Terra de CUSANCA, que, pola súa antigüidade xa consta como topónimo no Parrochiale suevorum (Século VI) na actualidade parroquia de Cusanca (San “Corme”, -co san Damián esquecido-).
Ambos os dous topónimos gozan de longa tradición escrita e oral, aínda que con certas dúbidas sobre a orixe e significado, polo tanto poderían ser incorporados á onomástica como antropónimos -nomes propios de persoa- se seguimos as recomendacións do “Diccionario dos nomes galegos” como para outros casos: “Non ten sentido, polo tanto, o receo a autoriza-la conversión de novos topónimos en antropónimos. En parte porque, contra o que poida parecer, xa existen galegos con nomes coma Aldán, Amaia, Amil, Anadía, Antela, Breogán…”
FONTES ESCRITAS D´A FARSA DE CUSANCA E ORCELLÓN”:
ANO DE 1288, setembro, 8. Carta de procuración otorgada por Juan Pérez, prior de Chantada, a favor del abad don Gonzalo Eanes para actuar en un pleito con la Orden del Santo Sepulcro sobre la facendera de Cusanca.
Sabean todos quantos esta carta viren, que nos Johan Perez, prior, et o convento do moesteyro de Chantada, outorgamos e avemos por firme todas aquelas cousas et cada huna delas que don Gonçalvo Eanes, nosso abade, fezera et obrara et ten ordinnadas et feitas con don Fernan Perez, comendador do que á a Orden do Sepulcro en terra d´Orzellon et de Cusanca por razon de preyto que era ontre o abade sobredito, et nos da huna parte et o comendador sobredito da outra, por razons das demandas que esse comendador fazia nos nossos homes et nas nossas herdades de terra de Cusanca, et outorgamos et aavemos por firmes estas preytesias et estas razoes tan ben as que son nomeadas commo as que d´aqui adeante mover o sobredito abade con o sobredito comendador en razón deste preyto, tan ben como se noso prior et o convento sobredictos fossemos presentes et o fezessemos.
Et que esto seia çerto et non venna en dulta, esta carta a o abade sobredicto demos ende seelada do nosso seelo.
Dada en moesteyro sobredicto, VIII dias de setenbro, era de mill CCC XXVI
(NOTA: a data contén un erro do amanuense, pois tería que ser anterior a 1288, agosto, 20, data do outorgamentodo documento principal)
(Incluído en: El monasterio de San Salvador de Chantada (Siglos-XI-XVI).José Méndez Pérez, Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, Miguel Romaní Martínez.CSIC-I.E. G.Padre Sarmiento). Santiago. 2016.

Emilio Duro Peña (1919-1995) naceu en Froufe e fica enterrado no cemiterio da Cidade . A el deberiamos cabilar en tributarlle un recoñecemento público pola súa extensísima obra no ámbito da investigación arquivística e histórica en boa parte da provincia. Así, en: El monasterio de San Pedro de Lobanes.Compostellanum: Revista arquidiócesis de Santiago de C. 1968.Sección de Estudio Jacobeos. “Dentro de la Maestreescolía -de Orcellón- estaba al norte la Tierra de Cusanca. El topónimo Cusanca es conocido de muy atrás. Cusanca “in Castella” es una de las treinta villas que en 887 da en dote Sisnando a su esposa Ildoncia; por el portus Cusanca limita en 968 una villa donada por el diácono Nuño al monasterio de Antealtares; y el monte Cusanca delimita asimismo el “comitatus Decensis de Lugo. De la villa de Loureiro se dice en 1071 que estaba “inter Castella et Cusanca” aunque después en 1184 la encontremos en tierra de Castela y en 1246 en tierra de Orcellón. En 1212 otorga un cambio de bienes M. Martinez “commendador ex parte Sepulcro in burgo Ripe Avie et in Cusanca et in terra de Urzelon”. La villa y parroquia de San Juan de Frooulfe (Froufe) se cita en 1272”in terra de Cusanca” cercana a la villa y parroquia de Santa María de Zoura (Zobra), y “in terra de Decia”. En 1377 fray Pedro Rase, canónigo prior de la Orden del Santo Sepulcro da en encomienda al conde de Trastamara y de Lemos y de Sarria todos los bienes de la Orden “en terra de Orzellón e de Cusanca”. Es decir, la mención de la tierra de Cusanca corre paralela con la de Orcellón en los siglos XIII y XIV. Si Froufe estaba en tierra de Cusanca, a fortiori lo estaría la feligresía de San Cosme de Cusanca, y acaso otras del alto Irijo, como Campo, Dadín y Ciudad”.
Con estes vimbios na memoria de Cusanca e Orcellón temos armada media farsa. Con respecto á Pena da Sela, ademais da longa tradición de culto á virxe do Carme desde alonxados tempos, e dos milleiros de persoas que a acompañan desde Dadín á solitaria ermida no monte do mesmo nome (Saavedra), chegados desde afastadas terras, é o outro espazo idóneo para o desenvolvemento da trama, seguindo unha milenaria tradición da Cantiga de Amigo da Lírica galego-portuguesa medieval (Séc. XIII), segundo a cal “os amigos” aproveitaban os encontros nas ermidas/romarías – ou na fonte– para “saudarse”. Os maís novos saben do que lles falo, porque cando as persoas da miña “quinta” rematamos o Bacharelato non se mentaba nada disto. Así, Airas Nunes de Santiago (1286) deixou esta brevísima cantiga de amigo, cuxo argumento xira arredor de dúas razóns: o feito de acudir en romaría a Santiago El rei, a “amiga” -namorada- non só terá ocasión de ver á súa realeza, senón que poderá tamén, e sobre todo, ver alí o seu “amigo” ao servizo daquel.
A Santiag´em romaria vem
el-rei, madr´, e praz-me de coraçom
por duas cousas, se deus me perdom,
en que tenho que me faz Deus gram bem:
ca veerei el-rei, que nunca vi,
e meu amigo, que vem com el i. (Airas Nunes de Santiago de Compostela)
Hei de ir á Pena da Sela,
de xeonllos ofrecida,
para agradecerllo á Santa,
con mozo desde ese día. (Popular)
O motivo principal desta crónica é o de alentar a participar neste proxecto para poder transladalo a un escenario. Para iso queremos contar con persoas que se animen a introducirse no mundo da escena, así, ademais do apoio material da Asociación de Veciños de Cusanca, será José Domínuez da Fraga-Cusanca (Actor e director con experiencia) o responsable da posta en escena, coa vista posta no futuro para a creación dun grupo estable de teatro amateur no concello do Irixo. Neste sentido, lembro e fago miña a declaración de intencións do cincuenta aniversario do que recollía este cartel.

Ano 1975. Salón de baile da Estación. Algunhas caras abondo populares andaban por alí.
Xulio Dobarro Ferradás
O Irixo. 3 de xullo de 2026.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Outros artigos de Xulio Dobarro:
Xulio Dobarro: De ensinanza e promoción escolar (O Irixo: Dous séculos. 1ª parte)
Xulio Dobarro. O Irixo: última -non derradeira- versión dos topónimos locais (2026)
Xulio Dobarro. Crónica de Orcellón e a Castela ourensá
Xulio Dobarro. Ano Ramón Otero Pedrayo, 2026. ”Os camiños da vida”. De Ourense a Compostela
Xulio Dobarro. O IRIXO: Augas e seca na memoria .Tapacuñas, presas e muíños en retesía
Abraiante outono entre o Irixo-o Carballiño
Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: festas da Asunción e san Roque
Xulio Dobarro: “Con E. Blanco Amor e A.D. R. Castelao na cerna da Insua dos Poetas (2009-2025)”
Xulio Dobarro: “Cusanca (O Irixo) e os “Cusanza”, do Viñao ao Ribeirodavia”
Xulio Dobarro: “El monasterio de san Pedro de Lobanes por Emilio Duro Peña “
Xulio Dobarro “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro”
O Irixo-Dadín : J. César, unha década “de nuestro corresponsal” de “la Región” (III)
O Irixo: J. César, unha década “de nuestro corresponsal” de “la Región” (ii)
O Irixo: J. César, polo menos unha década (1963-1973) “de nuestro corresponsal” en “La Región”
Xulio Dobarro: do “san Isidro” madrileño ao san Cibrao carballiñés, da man de dona E. Pardo Bazán
Xulio Dobarro: “O IRIXO-CUSANCA (San Cosme e Damián) EN FESTAS: 24 E 25 DE AGOSTO”
Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo: polas festas do “quince” e o san Roque”
Xulio Dobarro. “O Irixo:Corneda polo señor Santiago (25) e “Os Dolores” (28) (2024) “
Xulio Dobarro. “O Irixo: pola Santa Mariña de Loureiro, a Cidá … e Zobra (18 de xullo)”
Xulio Dobarro. “O Irixo: polo San Xoán de Froufe e a Alén senlleira”
Xulio Dobarro. “O Irixo : da terra de Cusanca sesquimilenaria ao santo Antón do Telllado-2024”
Xulio Dobarro: “O Irixo-O Campo do Camiño Nós e as estremas coas terras dezás e Dadín.
Xulio Dobarro: “O Irixo. A Ponte, a capela d´a Fatima e o Camiño Nós”
Xulio Dobarro: “Celebración da festividade de San Marcos no Concieiro-Corneda-O Irixo “
Xulio Dobarro: “O Irixo. Na estrema do Pico Seco. lembranzas e presentes “
Xulio Dobarro: “O Irixo: Parada de Labiote, Basilio Álvarez e San Bertolameu”
Xulio Dobarro:”O Irixo-Corneda : festas na honra da “Santísima Virxe das Dores” e outras devocións”
Xulio Dobarro: “O Tellado (parroquia de Cusanca, O Irixo) feira bicentenaria”
Xulio Dobarro: “A Pena da Sela, romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín)
Xulio Dobarro: “O Irixo : as pegadas dos ferrocarrís”
Xulio Dobarro: “O Irixo: celebración do san Marcos na capela do Concieiro-Corneda e outras ermidas”
Xulio Dobarro: “O Irixo: Cangues (Santo Estevo), parroquia cativa, pero senlleira “
Xulio Dobarro: ” O Irixo. Patrimonio Mineral “
Xulio Dobarro. O Irixo : Froufe: das raíces en Cebral,Toro na Alén e Cotela en Parteme
Xulio Dobarro: “O Irixo, miscelánea sobre patrimonio inmaterial”
Xulio Dobarro: ” O Irixo: Requiem por un patrimonio morredizo”
Xulio Dobarro: ” O Irixo: O ano do Bosque “
Xulio Dobarro: ” Reloxos de sol, cruceiros e inscricións varias no Irixo “
Xulio Dobarro: U-los castros do Irixo?
Xulio Dobarro: Escolma artesanal-Oficios varios III
Xulio Dobarro: Escolma artesanal II
Xulio Dobarro: Outono de vida e morte
Xulio Dobarro: Escolma artesanal
Xulio Dobarro. “O Irixo: “trabucos” e “remesas” sen retorno”
Xulio Dobarro: “O Irixo: augas, fontes e seca “
Xulio Dobarro: “O Irixo: auga e lume confrontados. tradición (culta) e popular”
Ao pé do Viñao (o Irixo) e o Arenteiro
Carmen Conde Abellán, afectos e saudades galegos (Dadín-O Irixo)
O Tellado (parroqia de Cusanca, O Irixo) Feira bicentenaria
A Pena da Sela, Romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín )
O Irixo: Corneda castrexa,señorial e dona de seu
O Irixo. maio florido, maio festivo :da Fátima ao Tellado
O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…
O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II
O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I
O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “
O Irixo, escaparate centenario da emigración
O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)
O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).
O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)
O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)
O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono
O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”
Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”
O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”
Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor
O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”
O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)
O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira
O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )
O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )
O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela
O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro
O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos
O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)
O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)
O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote
O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”
O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”
O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira
O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda
O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ
O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues
O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo
O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa
Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958
Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago
Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo
Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)
Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo
De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.









