Espazo Común acorda cos veciños da rúa Ourense levar a pleno a urxencia da obra de arranxo deste vial

Con Pachi Vázquez á cabeza, amosouselles a información facilitada polo departamento de Obras do Concello e as súas notables diferencias co prometido polo alcalde.

Saber que só se consignan 40.000 € no orzamento de 2022 sorprendeu aos que levan tempo escoitando promesas de inversións millonarias.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tamén se consensuaron as medidas a tomar para que se deixe de dilatar un proxecto tan necesario de arranxo da principal entrada a O Carballiño.

Na mañá deste pasado sábado tivo lugar unha reunión informativa organizada por Espazo Común nun ateigado salón do Bar Panamá, na rúa Ourense.

O obxectivo da mesma era escoitar a opinión dos principais afectados pola incomprensible demora no arranxo dun dos viais máis importantes de acceso ao casco urbán da nosa vila.

A reunión estivo marcada por un importante descontento dos veciños coa actuación do alcalde e do Concello. Varios dos presentes amosaronse críticos coa confusión e as contradiccións á hora de acometer esta obra.

Fumega faloulles inicialmente, hai xa máis de dous anos, dun proxecto de 2.000.000 de € e para moitos foi unha desagradable sorpresa comprobar que o finalmente remitido á CHMS e de pouco máis de 600.000.

É moi doado concluir que os veciños desa rúa e do Carballiño en xeral levan tres anos padecendo o mal estado da mesma polo tacticismo electoralista de Fumega, quen tenta comezar as obras importantes o máis preto posible das eleccións.

Trala exposición de Pachi Vázquez da situación e dos datos reais: un proxecto que en nada se asemella ao anunciado e prometido e un importe ridículo de 40.000 € consignado nos orzamentos de 2022 e de confirmar que un amplo tramo de rúa queda sen reposición de beirarrúas, acordouse cos veciños levar á sesión plenaria de maio unha moción para que se trate e se aclare á fin a situación desta obra e se deixe de enredar coa súa execución.

Asemada, tomouse a acordo de que Espazo Común voltaría a falar cos afectados segundo fose recabando máis información veraz ao respecto, como por exemplo copia do convenio asinado entre o Concello e a CHMS.