A revista “Raigame” aproxímase á figura de Delgado Gurriarán no seu novo número

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Editada polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación, a publicación afonda tanto na vida como na obra do poeta de Córgomo, figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2022. A revista estará acompañada dunha unidade didáctica para alumnos de ESO e Bacharelato

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, destaca a calidade desta publicación e define a Delgado Gurriarán coma “un home xigante da nosa cultura”

Ourense, 10 de maio de 2022.-  O Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense vén de publicar o número 48 da revista “Raigame”, centrada na vida e obra do valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), figura homenaxeada nas Letras Galegas 2022. 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, resalta a calidade e importancia de “Raigame”, unha publicación que neste número afonda na vida de “quen ten que ter todo o protagonismo da nosa cultura neste ano”. Destacou tamén a traxectoria do poeta de Córgomo, “que escribiu na nosa terra, que participou no Partido Galeguista e que no exilio, en México, fundou revistas como ‘Vieiros’ ou ‘Saudade’ sendo, en definitiva, un home xigante da nosa cultura”. 

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Baltar estivo acompañado na presentación do número 48 desta revista polo asesor de Cultura, Aurelio Gómez Villar e o membro do Centro Cultural Popular Xaquín Lorenzo e secretario da revista “Raigame”, Xavier Álvarez. 

Unha revista e unha unidade didáctica para afonda na traxectoria de Delgado Gurriarán

Este novo número de “Raigame” está coordinado por Ricardo Gurriarán e Gustavo Docampo, e nel participan profesores, escritores, ilustradores e deseñadores coma Emilio Vega, Delfín Caseiro, Antón Dobao, Julio Pérez, Lito Caraméns, Anxo Baranga, Eva Piay e Celia Rey. Tamén se reeditan artigos de Ricardo Gurriarán e Miro Villar publicados en anteriores números da revista, cando se comezara a reivindicar a figura de Florencio Delgado como merecedor ser protagonista do día das Letras Galegas. Os textos afonda tanto na vida como na obra do poeta valdeorrés e estúdanse as súas publicacións, nas cales destaca o seu amor pola súa terra, a paisaxe, a xente, os costumes e a vida da comarca de Valdeorras.

Outro bloque de artigos céntranse na súa biografía, o seu compromiso socio-político, a súa militancia no Partido Galeguista, a participación na Guerra Civil Española e a súa actividade como promotor cultural no exilio.

A revista vai acompañada dunha unidade didáctica realizada polos profesores Séchu Sende e Patricia Calviño, orientada a dar a coñecer ao escritor entre os estudantes de Bacharelato e a ESO, onde a través da súa biografía e dos seus poemas, trátanse o uso da lingua galega na nosa sociedade.

A revista estará dispoñible en colexios, bibliotecas, centros culturais, centros na emigracións, museos, entidades públicas e pódese solicitar no servizo de Publicacións da Deputación e nas dependencias do CCP Xaquín Lorenzo. Unha difusión que fará, segundo o presidente da Deputación, que “calquera que queira achegarse a obra de Florencio Delgado, e por el a Ourense, terá a súa disposición esta publicación”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------