Ribadavia reforma colexios rurais e reforza servizos escolares.

Os Colexios Rurais de San Paio, Francelos e San Cristovo foron mellorados para este inicio de curso.

Publicidade

Ademais, o Concello reforzará no CEIP os servizos de transporte escolar, de familias madrugadoras e as axudas para material escolar.

O xoves 9 de setembro comezou un novo curso escolar no CRA Amencer e no CEIP Ribadavia. Este curso comeza co aumento de matricula nos CRA AMENCER, que contan con 3 colexios en Francelos, San Paio e San Cristovo.

Con esta previsión, que xa existía ao final do curso pasado, no Pleno Municipal de 29 de xullo aprobouse a cesión dunha nova aula desde o Concello de Ribadavia posibilitando a ampliación do CRA grazas á financiación da Xunta de Galicia. Así, o Colexio de San Paio terá para este curso unha aula nova que consigue satisfacer as demandas e aumento de matricula nos CRA AMENCER.

Ademais desta aula nova en San Paio, durante este verán foron mellorados os baños dos 3 colexios do CRA, así como a mellora nas pintura e no seu mantemento.

Desde o Concello agradecemos a colaboración da Xunta nesta mellora, pois somos conscientes do importante que é reforzar os colexios do rural, xa que moitas veces son un modelo que periga e que fica demasiadas veces excluído dos orzamentos de educación.

Os Colexios Rurais Agrupados son titularidade do Concello de Ribadavia, así como tamén o seu mantemento e todos os gastos derivados do seu funcionamento. A Xunta pon o persoal docente.

O Concello está estudando novas melloras que realizar nos CRA Amencer, pois son edificios municipais que necesitan dunha labor de mellora permanente, pois consideramos que os espazos educativos deben gozar dunha especial atención.

Ademais, o Concello ten abertas 3 liñas de servizos escolares que quere reforzar:

– SERVIZOS MADRUGADORES: o día 9 de setembro xa comezou a funcionar o Servizo de Familias Madrugadoras, que será todos os días desde ás 7:30h da mañá. A día de hoxe xa hai inscritos 7 nenos e nenas, e o prazo de solicitudes seguirá aberto durante todo o curso escolar.

– TRANSPORTE ESCOLAR: O Concello vai intentar que o servizo de transporte escolar chegue a máis alumnado. O Concello ten creado un servizo de transporte que complementa ao Bus da Xunta, e pretende chegar a máis usuarios.

– MATERIAL ESCOLAR: O Concello está traballando na ampliación das axudas e en chegar a máis alumnado, así na vindeira semana aprobará as bases e publicitará ditas axudas.