O BNG chama a participar na manifestación de Queremos galego deste martes 17 de maio, día das letras galegas

IES CHAMOSO LAMAS

A formación nacionalista fai un chamamento á veciñanza para participar na manifestación nacional convocada pola plataforma Queremos galego que baixo o lema “en galego agora e sempre” reivindica un novo futuro para a lingua

Ourense, 13 de maio de 2022. Desde o BNG fan un chamamento a toda a cidadanía para participar o vindeiro martes 17 de maio, día das letras galegas, na manifestación que terá lugar en Santiago de Compostela.

HIPER MASIDE

A mobilización, organizada pola plataforma cidadá queremos galego, composta por máis de 500 entidades sociais e culturais do país, pretende reivindicar o dereito a vivir plenamente en galego. O lema escollido, “En galego agora e sempre. Por un novo futuro para a lingua” pretende evidenciar que a situación do galego non é irreversível e que hai alternativas e vontade colectiva para mudar a tendencia negativa para a lingua.

A manifestación iniciarase ás 12:00 h. na alameda da capital compostelá e percorrerá varias das rúas máis céntricas da cidade até rematar na Praza da Quintana. Unha xornada festiva pero tamén de reivindicación dun novo futuro para o galego, se todas e todos, cidadanía, entidades sociais e gobernos imos na mesma dirección, a de asegurar que o galego está presente e plenamente dispoñíbel xa que a lingua galega é o principal elemento de cohesión, identidade e progreso de Galiza.