O Grupo Socialista critica a “errática política de persoal” da Consellería de Medio Rural con continuas sentenzas por vulneración de dereitos laborais

Carmen Rodríguez Dacosta reitera que cómpre que se depuren responsabilidades e esixe que non se repitan estas actuacións contra a lexislación en materia laboral, de igualdade e a propia Constitución

A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta volveu hoxe poñer en evidencia “a errática política de persoal” da Consellería de Medio Rural, que “está en entredito” polas continuas sentenzas que se están a rexistrar nos últimos anos por atentar contra os dereitos laborais de traballadores e traballadoras.

AVANTAR ACTIVIDADES

A última delas, que se suma ás que xa se coñeceron nos últimos catro anos, obriga a indemnizar a un xefe de brigada forestal pola súa demora en actuar ante o acoso laboral que sufriu por parte de dous subordinados. Carmen Rodríguez Dacosta explicou que, “malia as reiteradas denuncias del e doutros traballadores contra a actuación violenta dos implicados”, a Xunta tardou dous anos en resolver a situación, “o que o Tribunal considera unha  demora especialmente relevante”.

Ao mesmo tempo, esa sentenza tamén constata o grave incumprimento da consellería en materia de prevención de riscos, xa que no momento dos feitos, entre os anos 2013 e 2015, a Xunta aínda non contaba con protocolo de prevención e actuación contra o acoso laboral

Neste contexto, na Comisión de Agricultura celebrada esta mañá no Parlamento, Carmen Rodríguez Dacosta reclamoulle á Xunta que se depuren responsabilidades e esixiu que non se repitan estas actuacións contra a lexislación en materia laboral e contra a propia Constitución. Neste último aspecto subliñou que existe outra sentencia  que recoñece o teletraballo en postos de rexistro e información dun ente dependente de Medio Rural, e na que queda acreditado que a denegación deste dereito a unha traballadora vulnera o artigo 14 da Carta Magna e tamén o dereito á igualdade.

Carmen Rodríguez Dacosta enmarcou esta situación nunha sistemática vulneración de dereitos en materia laboral que están a sufrir traballadores da Consellería de Medio Rural. Explicou que nos últimos tempos están a producirse sucesivas sentenzas contra a Xunta pola súa xestión laboral, en particular por vulnerar o dereito de indemnidade, que prohibe as represalias contra as empregadas e empregados que deciden reclamar os seus dereitos.

Por iso, Carmen Rodríguez Dacosta instou ao goberno galego a “que non se repitan estas actuacións que atentan contra a lexislación laboral e contra a propia Constitución”. De igual xeito, demandou “que se depuren responsabilidades polas graves actuacións en materia de persoal da Consellería de Medio Rural”.

A deputada socialista enumerou outras sentenzas, como a do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na que se condenaba a este departamento da Xunta a readmitir e indemnizar a unha traballadora á que despedira como represalia por reclamar os seus dereitos laborais ante a xustiza. “Trátase”, sinalou Rodríguez Dacosta, “dunha situación moi grave” porque o despido foi declarado nulo, é dicir, que estivo motivado por algunha das causas de discriminación prohibidas na Constitución, na lei ou por vulneración de dereitos fundamentais e liberdades públicas da traballadora.

Carmen Rodríguez Dacosta indicou que “falamos dunha actuación de discriminación e de vulneración do dereito dunha empregada pública a exercitar reclamacións xudiciais contra a Xunta de Galicia”. A resposta ante este exercicio lexítimo foi despedila case de inmediato. En definitiva, estamos ante “unha actuación fraudulenta da Xunta de Galicia”, subliñou.

A maiores, a parlamentaria do PSdeG incidiu en que a estas sentenzas súmanse varias máis, como unha na que a Xunta foi condenada por negarse sequera a negociar a conciliación laboral que lle solicitaba un bombeiro forestal ou outra na que se condena a Medio Rural por vulnerar o dereito á igualdade dunha empregada da Agader que reclamaba o teletraballo dous días á semana.

“Hai moitas máis”, lamentou Rodríguez Dacosta, “o que dá para cuestionar a política de persoal da Consellería de Medio Rural”. Por iso, a deputada socialista preguntou quen tomou estas decisións que comprenden a vulneración de dereitos fundamentais ou quen dirixe estas actuacións contra os traballadores e traballadoras da Consellería”.

Ademais, reclamou que se tomen medidas ao respecto e que se “asuman responsabilidades, porque son feitos moi graves que non poden quedar impunes”. De igual maneira, Carmen Rodríguez Dacosta esixiu que “se poña fin a esta equivocada política de persoal e que se mude a xestión laboral” cun “cambio de rumbo que lle imprima un carácter negociador do que carecen”.