Hiba Lajouad Dyani, co videopoema Cand’era tempo d’inverno, e Gloria Iglesias Grobas, co videopoema Parte miña, son as gañadoras da Vª edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María

Gloria Iglesias Grobas, do CPI de Xanceda, co videopoema Parte miña (https://www.youtube.com/watch?v=NZpT9dw8QIU), e Hiba Lajouad Dyani, do IES n.º 1 da Estrada, co videopoema Cand’era tempo d’inverno (https://www.youtube.com/watch?v=a3IfHOeYUIE), son as gañadoras da Vª edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María que organiza a Casa-Museo Manuel María. Os premios entregados, na mañá deste sábado, durante o acto en que se expuxeron os traballos finalistas desta edición.

O xurado do certame, composto polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista, Eduardo Álvarez González, e a profesora e guionista, Anxa G. Refoxo, salientou do videopoema Cand’era tempo d’inverno, “a súa expresividade, os planos de grande intencionalidade estética e os acertados ritmos nunha narración que xira ao redor dunha excelente interpretación do poema que consegue engrandecer o relato visual”. Canto ao outro videopoema gañador, Parte miña, o xurado xustifica a súa elección “pola súa exploración do poema cun persoal recitado que complementa moi ben a narración en branco e negro, con encadramentos moi coidados, gran plasticidade e carga dramática, e unha música que reforza a mensaxe”

AVANTAR ACTIVIDADES

Este concurso ten por finalidade potenciar a creatividade artística a través da harmonía entre palabra e imaxe e difundir a obra de Rosalía e Manuel María. Nesta cuarta edición que se cerrou no día de hoxe presentáronse un total de oitenta e dous videopoemas e contou con participantes de centros educativos de Lugo, Ourense, A Coruña, Rodeiro, Sanxenxo, Xanceda, Panxón, Porriño, Carballo, Narón, Portas, Valga, Moaña, Maceda, Cambados, Castro de Ribeiras de Lea, Pontevedra, Monforte, Redondela, Neda, A Estrada, Rianxo e Compostela.

Para baixar os vídeos nas seguintes ligazóns:

Cand’era tempo d’inverno https://we.tl/t-Srv92BkRX8

Parte miña https://we.tl/t-HLRwx6I0xM