O Comité Executivo Nacional nomeou á deputada no Congreso Ana Vázquez como responsable da Secretaría de Interior, e a Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración da Xunta, titular da Secretaría de Exterior
· O presidente provincial destaca que o esforzo e a dedicación das mulleres e homes do PP de Ourense tradúcese nunha dobre confianza: “No maioritario apoio nas urnas, e cunha ampla representación nos órganos de dirección do PP”
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, vén de expresar a súa satisfacción polas novas incorporacións ourensás ao organigrama da dirección nacional do Partido Popular. Tal e como acordou hoxe o Comité Executivo Nacional, a deputada no Congreso Ana Vázquez pasa a ser a responsable da Secretaría de Interior, e Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración da Xunta, titular da Secretaría de Exterior.
Estas novas incorporacións “referendan o peso dos populares ourensáns na nosa formación, tanto a nivel nacional como galego”, destaca Manuel Baltar. Refírese así á representación de Ourense no partido, comezando polo presidente nacional, Alberto Núñez Feijóo, para seguir polo propio presidente provincial, o primeiro do PP ourensán en formar parte do Comité Executivo a nivel español, e ademais a vintena de representantes da provincia que desde o pasado domingo integran á dirección galega baixo as ordes de Alfonso Rueda.
Para Manuel Baltar, o esforzo e a dedicación continua que as mulleres e os homes do PP de Ourense demostran por este territorio tradúcese nunha dobre confianza: “No maioritario apoio nas urnas por parte da veciñanza, con resultados récord en calquera das convocatorias electorais, e cunha ampla representación nos órganos de dirección do PP para contribuír á quinta maioría absoluta en Galicia e que un ourensán, Feijóo, sexa presidente de España”.