Recorrente e triste dito pra comezar unha nova loitosa e lembrar a aquelas persoas que se van e que non se quere esquecer. É, con tristura, este caso.
Acaba de deixarnos María Teresa Miras Portugal, carballiñesa, muller loitadora que demostrou que os duros camiños da súa vida foron meros obstáculos pero nunca impedimentos pra avantar en postos que, na teoría, parecían reservados exclusivamente pra a condición masculina. Esa teima seguida como norma na vital, converteuna nunha importante científica recoñecida a nivel internacional no campo da bioquímica e pola que obtivo numerosos premios (Premio María Josefa Wonenburger Planells da Xunta de Galicia en 2008, no ano 2011 o Premio de Investigación Miguel Catalán da Comunidad de Madrid e, no ano 2016 recibe a Medalla Castelao), todo isto despois dunha impecable formación universitaria en España e Francia.
Catedrática de bioquímica e bioloxía molecular da Universidade Complutense de Madrid e, antes, nas de Oviedo e Murcia, desenvolvendo o seu labor con exquisita dedicación como ensinante e sen esquecer nunca a súa faceta de investigadora plasmada nos máis de douscentos traballos publicados en medios especializados de Europa.
Pero, quizais, o gran logro profesional da súa vida foi o de se converter na primeira muller en chegar a presidir a Real Academia de Farmacia de España, epílogo e xusto premio a unha traxectoria entregada ó labor sempre ingrato e difícil da investigación e de recoñecemento á súa constancia e silencioso traballo por parte da comunidade investigadora.
Acudía sempre e cando as súas ocupacións e responsabilidades llo permitían ó seu querido Carballiño onde departía con amigos e familia e onde, tamén e máis modestamente, foi recoñecida co primeiro Galardón da Arenteira de Cultura e Investigación no ano 2012, ano no que foi nomeada polo Goberno de España responsable do Comité encargado de levar adiante o estudo da reforma universitaria. Antes, na homenaxe que o Centro de Estudios Chamoso Lamas fixera ó seu pai, Aurelio Miras Azor, fixera un extraordinario e recordado discurso nunha das escasas intervencións públicas no seu Carballiño.
IMAXES do ACTO ( 21 de xullo de 2000 )
A súa morte supón unha gran perda humana pra a súa familia e amigos, pra o mundo da educación e da investigación, pra O Carballiño e pra Galicia. Non podemos nin debemos esquecela pois forma parte xa da nosa historia como pobo e, tamén, como orgullo e espello no que mirarse esas xeracións que han de vir. Acougue en paz.
Curriculum Mª Teresa Miras Portugal ( Premer na Imaxe )
Palabras pronunciadas pola Excma. sra. Dna . María Teresa Miras Portugal na súa investidura como doctora honoris causa da Universidade Rey Juan Carlos o 28 de xaneiro de 2013 : ( Premer na Imaxe )

Entrevista na ” Sociedad Española de Neurociencia. Mujeres en Neurociencia”. 3 de outubro de 2018. ( Premer na Imaxe )