O PP rexeita a proposta socialista para pedirlle á Xunta que conte coas asociacións para elaborar o Estatuto das Mulleres Rurais e do Mar galegas

Noa Díaz acusa ao PP de “darlle as costas á cidadanía que di representar”

A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, lamentou hoxe o veto do PP a unha proposición non de Lei para pedirlle á Xunta que conte coas asociacións de mulleres rurais e do mar para a elaboración do Estatuto das mulleres rurais galegas. Díaz presentou esta iniciativa na Comisión de Agricultura, onde foi rexeitada polo PP, demostrando que “lle dan as costas á cidadanía que din representar”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A responsable socialista presentou esta iniciativa logo das dúbidas diante do cumprimento da resolución aprobada no último debate do Estado da Autonomía para a elaboración deste Estatuto “en colaboración coas mulleres do rural”. A conselleira de Igualdade, lembrou Díaz, vén de afirmar que a Xunta estaba “a traballar intensamente” neste documento, se vén a parlamentaria socialista constatou que “as asociacións non saben nada destes traballos”.

Así o confirmou ademais o debate de hoxe, lamentou, cando a portavoz do PP demostrou que “entenden que convidar ás asociacións a que lean o capítulo dedicado á ruralidade na futura Lei de Igualdade é equivalente a traballar en colaboración coas mulleres do rural e do mar”. Díaz lamenta que “quedou claro que nin contaron coas asociacións de mulleres nin pensan contar con elas para traballar neste Estatuto”.

Explicou que a proposta parte das asociacións de mulleres do rural galego, nomeadamente Fademur, “dada a necesidade urxente de que Galicia dispoña dunha ferramenta que garanta á muller rural unha serie de dereitos e de garantías profesionais que ata o de agora non teñen”. Reivindicou “políticas transversais para o territorio rural con perspectiva de xénero”, onde as mulleres “permanecen ausentes da acción política e da axenda social e económica”.

Iniciativa

A proposta presentada hoxe polos socialistas galegos urxía á Xunta a comezar “de inmediato” as xuntanzas coas asociacións para ter elaborado antes de que remate o ano tanto o Estatuto das Mulleres Rurais e do Mar como un Plan Estratéxico. Este último debera incluír accións dirixidas a promover o acceso das mulleres á formación e ao emprego, así como o desenvolvemento da súa actividade emprendedora.

Ademais, a iniciativa reclamaba ampliar a denominación do futuro Estatuto tamén e especificamente ás mulleres do mar, e remataba reclamando incorporar o grao de urbanización como variable en tódolos estudos que se realicen sobre a muller.