O Concello do Carballiño executará neste ano o segundo proxecto de rehabilitación do Barrio de Flores co acondicionamento de dúas novas rúas: Caravel e Loureiro, que se sumarán á rúa Mirto, a primeira actuación dentro deste plan de mellora.
O grupo de goberno prevé sacar a concurso a finais de xullo as obras, que se financiarán integramente con fondos municipais xa parcialmente incluídos nos orzamentos deste ano, e a diferenza da rúa Mirto, que recibira unha subvención da Xunta de Galicia. O investimento, segundo o proxecto elaborado polo arquitecto municipal, ascende a 153.397 euros.
O obxectivo destas melloras reside na posta en valor dun dos barrios máis antigos do municipio, fomentando a súa rehabilitación co propósito de facelo atractivo para futuros novos residentes.