A Deputación contribuirá á promoción de programas culturais, bolsas para estudantes do rural e investigación no Campus de Ourense

IES CHAMOSO LAMAS

Manuel Baltar e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron un novo convenio de colaboración polo que o goberno provincial achegará 220.000 euros á institución académica 

O presidente da Deputación destaca a consolidación dunha alianza “que xurdiu desde os inicios do recinto universitario ourensán”. Unha sinerxia total co reitorado que vai facilitar “moitos convenios máis que virán no futuro” 

HIPER MASIDE

“Estamos tremendamente agradecidos polo apoio da Deputación, que sempre sentimos con forza”, afirma Manuel Reigosa. Esta axuda “vai permitir que o campus teña moita máis presenza en toda a cidade e provincia” 

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, veñen de asinar un novo convenio de colaboración polo que o goberno provincial contribuirá cunha achega de 220.000 euros ao desenvolvemento de iniciativas que se organicen no Campus de Ourense para promover a cultura e apoiar programas de mobilidade do estudantado, bolsas para o alumnado do rural e investigación. 

No Pazo Provincial, onde tivo lugar a sinatura do documento, Manuel Baltar expresou o seu desexo de seguir potenciando esta liña de colaboración cun novo convenio “que achega aínda máis a Deputación ao Campus de Ourense e á Universidade de Vigo”, consolidando unha alianza “que xurdiu desde os inicios do recinto universitario ourensán para dotalo dos mellores servizos e facelo máis atractivo”. Unha sinerxia total co reitorado que vai facilitar “moitos convenios máis que virán no futuro”, asegurou o presidente da Deputación. 

“Estamos tremendamente agradecidos polo apoio da Deputación, que sempre sentimos con forza”, afirmou pola súa parte Manuel Reigosa. O deber da universidade, dixo, “é formar parte da sociedade achegando o coñecemento desde múltiples vertentes, incluída a promoción da cultura, polo que esta axuda vai permitir que o campus teña moita máis presenza en toda a cidade e provincia”. 

Actividades incluídas nos programas de extensión universitaria 

O convenio entre a Deputación e a Universidade de Vigo ten por finalidade regular a colaboración entre ambas institucións no referido ás actividades e programas que se desenvolvan no Campus de Ourense, e que redunden tanto en beneficio do estudantado como da sociedade e do interese xeral da provincia. 

Entre as accións que apoiará a Deputación de Ourense figuran cursos e obradoiros de extensión universitaria, entre eles un referido ao sector audiovisual organizado pola Fundación Carlos Casares, programa ao que se destinan 15.000 euros dentro do total da achega. Tamén se inclúen no convenio exposicións, roteiros culturais, teatro, actividades do coro, un ciclo de documentais, o programa “Portugués Perto”, a celebración do Día das Letras Galegas, e outras iniciativas de carácter cultural.  

O goberno provincial tamén contribuirá e realizar un plan específico de apoio a grupos de investigación do Campus de Ourense (INOU 2022), ademais de programas destinados a promover a mobilidade estudantil, bolsas para o alumnado do rural ourensán, e un curso avanzado de posgrao en Didáctica da Ficción e Creación Literaria, para o que se reserva unha dotación de 8.000 euros