O paro descende no Carballiño e no Ribeiro no mes de xuño, predominando en Galicia o auxe da industria

Galicia pechou o mes de xuño con 140.932 persoas sen emprego, a terceira cifra máis baixa de toda a serie histórica de datos (1996).

O paro baixou en todos os sectores de actividade, nas catro provincias e nas sete grandes cidades. Tamén salientou o comportamento favorable dos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego.

AVANTAR ACTIVIDADES

O paro baixou nun -10,64% con respecto a xuño de 2021. En canto aos sectores de actividade, caeu o desemprego na industria (-17,17%), que lidera a caída do paro nos sectores económicos.

Por colectivos prioritarios, o desemprego diminúe en todos eles, con especial fincapé nos parados de longa duración (-21,55%). Tamén cae a cifra de persoas sen emprego entre os menores de 30 anos (-11,97%), as mulleres (-10,34%) e maiores de 44 (-7,29%). A Xunta de Galicia aposta por fomentar a formación para mellorar a competitividade dos traballadores.

As dúas comarcas descenden tamén o número de desempregados. No caso do Carballiño, a cifra total descende en 14 persoas, ata os 1.343 desempregados, liderando a creación de emprego San Amaro, Piñor e Maside, mentres que o Carballiño incrementa un desempregado.

No Ribeiro, a cifra descende en 19 persoas, ata un total de 740 desempregados. Castrelo de Miño, Leiro ou Cortegada son os que máis emprego crearon, fronte á capital, Ribadavia incrementa a cifra con 12 parados máis neste mes.