Casares: “Os impostos aos beneficios caídos do ceo no sector da enerxía son necesarios e xustos. A beneficios extraordinarios, xustiza social”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O eurodeputado avogou pola redistribución dos beneficios extraordinarios de forma que compensen parcialmente as facturas máis elevadas dos consumidores

En marzo, a Axencia Internacional da Enerxía estimaba que os beneficios extraordinarios ascenderían a 200.000 millóns de euros este ano só na Unión Europea. A Axencia explicaba como esta ganancia excepcional obedece ao deseño do mercado actual e aos altos prezos do gas na UE que elevan os prezos da electricidade. Sobre esta cuestión, debatíase esta tarde no Pleno do Parlamento Europeo.

Desde o Grupo da Alianza de Socialistas e Demócratas, o eurodeputado Nicolás González Casares lembrou como levan reclamando desde hai un ano medidas que fagan fronte á subida dos prezos da enerxía, entre as que figura a proposta de reconducir os beneficios extraordinarios. “Os impostos aos beneficios caídos do ceo son necesarios e xustos. A situacións extraordinarias, medidas extraordinarias. A beneficios extraordinarios, xustiza social”, demandou González Casares.

O socialista falou da necesidade de réximes fiscais útiles para os beneficios inesperados que mitiguen as consecuencias sociais e económicas do aumento dos prezos da enerxía, exacerbado pola guerra en Ucraína. “Se hai beneficios caídos do ceo é que algo falla no mercado. Se non podemos intervilo e reformalo xa nesta situación tan complexa, polo menos temos que evitar que o diñeiro de millóns de cidadáns que sofren a durísima suba de prezos se acumule nas mans dos mandatarios das enerxéticas”, denunciou.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

González Casares avogou pola redistribución dos beneficios extraordinarios de forma que compensen parcialmente as facturas máis elevadas dos consumidores: “É unha cuestión de xustiza social urxente”. Ademais, o eurodeputado apuntou a necesidade dunha reforma estrutural do deseño do mercado eléctrico de forma que reflicta correctamente os baixos custos das enerxías renovables.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------