“O PP de Celanova é un partido de goberno aberto á veciñanza e con capacidade para construír un proxecto político de consenso”

Pablo Pérez presidiu a primeira reunión da xunta xestora do PP de Celanova

·      O presidente da xunta xestora local avanza o “diálogo permanente” coa sociedade, para rearmar o partido e debuxar “un novo tempo para Celanova, cunha xestión municipal que aproveite tódalas potencialidades da nosa vila”

AVANTAR ACTIVIDADES

A xunta xestora do PP de Celanova, presidida por Pablo Pérez, celebrou a súa primeira reunión na sede local cunha notable asistencia de militantes e simpatizantes. Precisamente, Pablo Pérez incide nesta alta participación coma unha mostra de que “o PP de Celanova sempre foi un partido aberto e nesta nova etapa potenciaremos esta conexión coa veciñanza”.

O presidente da xestora local define ó PP de Celanova como o “partido que máis se asemella á cidadanía de Celanova”, nunha relación construída a través dun “proxecto político amplo, de consenso, apoiado no constante diálogo e que escoita as necesidades e inquedanzas da sociedade”. Unha folla de ruta, explica Pablo Pérez, que ten que desembocar nun novo tempo para Celanova, “cunha xestión municipal que aproveite tódalas potencialidades da nosa vila”.

REUNIÓNS MENSUAIS E MÁIS ENCONTROS COS SECTORES SOCIOECONÓMICOS DA VILA.Neste proceso de perfilar un novo ciclo político en Celanova, Pablo Pérez debuxa a vontade de seguir consolidando o bo traballo realizado polo partido na vila, “consolidando a agrupación local” e “sumando a máis veciñas e veciños ó novo proxecto á vez que continuamos mantendo encontros cos celanovenses”. Para reforzar esta liña de traballo, a xunta xestora do partido manterá reunións mensuais e seguirá celebrando reunións cos representantes do tecido socioeconómico da vila.