Moción do Bng para a creacion en Ribadavia dun mercado dos produtos locais do Ribeiro

Exposición de motivos:

A actual crise de prezos está a supor graves prexuízos tanto para os produtores agrícolas e artesáns como para os consumidores. Á habitual diferenza existente entre prezos en orixe e prezos no punto de venda, estase a engadir o aumento do custe dos suministros e combustibles, así como dos transportes, que reducen aínda máis as marxes para os produtores e están a incrementar o prezo da cesta da compra. Fronte a este panorama, a venda directa é unha das mellores alternativas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ribadavia atesoura unha rica tradición de elaboración de alimentos (panadaría, repostería…) e produtos artesanais pero case sen relevo xeracional.

O Ribeiro ten un potencial agroalimentario que xera escaso valor engadido para los produtores, pois agás a produción vitivinícola están fora das canles habituais de comercialización. Mentres os consumidores só poden acudir en moitas ocasións a produción hortofrutícola procedente de centos de quilómetros de distancia.

Non obstante, están a se producir cambios nas tendencias de consumo dirixidas cara unha alimentación baseada en produtos de calidade vencellados ao territorio próximo, que abre novas oportunidades de negocio para os produtos locais. Fronte ao crecente abandono de terras, isto favorece o mantemento de cultivos no perímetro das nosas localidades, diversifica a actividade agrícola e artesanal achegando outras posibilidades de vida no noso rural.

Son moitos os municipios que están a favorecer estas redes de comercialización de proximidade para os produtos hortofrutícolas e artesanais, que amplían a oferta comercial dispoñible.

Se ben historicamente, se produce unha comercialización destes produtos nas rúas de Ribadavia durante as feiras e no verán, convén dignificar e ampliar as condicións en que se ven realizando.


         Por estes motivos propomos ao  Pleno do Concello de Ribadavia a adopción dos seguintes

ACORDOS:

1. O Concello de Ribadavia, en colaboración con outras administracións, promoverá a creación dun mercado de venda directa de produtos hortofrutícolas e alimentos artesanais producidos na comarca do Ribeiro.

2. As persoas que queiran comercializar produtos neste mercado deberán ser produtores directos, non permitíndose a revenda de produtos.

3. As persoas que queiran comercializar produtos neste mercado deberán figurar nun rexistro de produtores. Asemade, o Concello controlará o cumprimento dos demais requerimentos administrativos e hixiénico-sanitarios que sexan esixibles conforme a normativa xeral que regula este tipo de mercados. 4. O Concello de Ribadavia, en colaboración con outras administracións, promoverá a recuperación dos cultivos hortofrutícolas e dos alimentos artesáns, a fin de favorecer a produción e elaboración de alimentos locais, social e economicamente sostibles, que respecten o medio ambiente e acheguen valor engadido á calidade dos alimentos e a saúde pública.