COMUNICADO DE ESPAZO COMÚN
A fonte do Bañiño de Arcos volta secar outro ano sen que o concello fixera nada do acordado para recuperala
De novo o termalismo do Carballiño volta ser nova por un factor negativo.
Un dos referentes dos moitos veciños e visitantes desta vila como é a Fonte do Bañiño en Arcos, moi valorada polas súas propiedades medicinais, volta a estar completamente seca.
E non será porque dende Espazo Común non advertiramos da situación.
Tanto é así que o ano pasado levamos a pleno unha moción que foi aprobada por unanimidade para levar a termo unha serie de medidas que reforzasen o seu caudal.
Como xa estamos acostumados, o grupo de goberno do PSOE votou a favor para quedar ben na tele e de cara á galería e despois non se voltaron a lembrar do asunto.
Como consecuencia, este ano estamos igual ou peor ca o pasado.
Este lugar é un exemplo perfecto do xeito de entender a política do actual alcalde. Asfaltou varias veces o acceso ao lugar pero non fixo absolutamente nada pola fonte en si mesma.
Xa non pedimos que Fumega cumpra todo o que prometeu con respecto ao Gran Balneario pero, polo menos, podería ser capaz de coidar a fonte pública de auga termal coa que contamos no Carballiño.