A Festa Popular de Baltar reúne xogos populares, gastronomía e música nunha nova xornada de reivindicación da vida saudable

IES CHAMOSO LAMAS

A XII edición desta festa, que conta coa colaboración da Deputación, arranca o sábado 6 de agosto ás 15,30 horas cun programa cheo de actividades, exhibicións e concertos, e na que se voltará a premiar aos asistentes que dean resultado negativo nas probas voluntarias de alcoholemia que se realizarán 

Despois da súa reunión co alcalde de Baltar, Manuel Baltar remarcou a proposta ben diferenciada dunha festa que “reivindica a cultura popular, a cooperación transfronteiriza e a vida saudable”

SPORTUR GALICIA 2022

Ourense, 1 de agosto de 2022.- Baltar celebra este sábado, 6 de agosto, a XII edición da súa Festa Popular, na que colabora a Deputación de Ourense e que volve cun programa con xogos tradicionais, música, gastronomía e actividades vencelladas coa concienciación sobre o medio ambiente e a saúde. “Esta é unha das festas referenciais do verán ourensán, cunha proposta singular e ben diferenciada, baseada na reivindicación da cultura popular, a cooperación transfronteiriza e a vida saudable”, destacou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, despois da súa reunión no Pazo Provincial co alcalde deste municipio, José Antonio Feijóo. 

Manuel Baltar remarcou o “traballo exemplar” do rexedor e de todo o seu equipo de goberno, “sempre activos prantexando iniciativas como esta festa popular, que avanzan na construción dun concello dinámico e aberto aos veciños”. 

Pola súa banda, o alcalde de Baltar explicou que esta festa quere “potenciar as nosas tradicións e gastronomía, fomentar a convivencia cos nosos irmáns portugueses e animar á xente a prol dunha vida saudable”, destacando que se premiará ás persoas que dean un resultado negativo de alcol nas probas voluntarias de alcoholemia que se realizarán. “Queremos que nosa xuventude, implicada ao máximo con esta festa, divírtase dun xeito san”, resumiu José Antonio Feijóo.

Programación da XII Festa Popular de Baltar

A XII Festa Popular de Baltar arrancará ás 15,30 horas do sábado 6 de agosto, cunha concentración de grupos folclóricos da zona -As Xeitosiñas, Banda de Gaitas do Concello de Baltar e a Escola de Acordeonistas de Baltar-. A partir de aí, unha tarde completa de actividades como campionatos de tute e brisca, exposición do concurso medioambiental de ideas infantís “Stop Incendios”, damas, axedrez, rá, futbolín, ping-pong, carreiras de sacos, tiro da corda por equipos, inchables, touro mecánico, unha festa da escuma ou unha exhibición de parapente. 

No plano musical, a Festa Popular de Baltar contará coa actuación de Carmen Penim ás 22,00 horas. Antes, as 18,15 horas, exhibición de folclore portugués dos Cavaleiros da Concertina. E despois do concerto de Penín, será turno para unha discomóbil. 

Dende a organización tamén resaltan que as 20,00 horas celebrarase unha merenda-cea coa degustación de produtos da terra. E de madrugada, unha chocolatada.