A Xunta organiza en Ribadavia unha acción de formación profesional e adquisición de competencias sobre a produción vitívinicola

O curso impartirase do 16 ao 22 de agosto e terá unha duración de 20 horas de formación

A parte práctica do programa inclúe visitas a viñedos e adegas da denominación de orixe Ribeiro

AVANTAR ACTIVIDADES

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar un curso de formación sobre o coñecemento da viña e da adega. Impartida pola Oficina Agraria Comarcal de Ribadavia, a acción formativa terá lugar do 16 ao 22 deste mes de agosto e terá unha duración total de 20 horas, cun horario desde as 16:00 ata as 20:00 horas.

O obradoiro aborda tanto aspectos teóricos como prácticos sobre os procesos que se levan a cabo na viña e na adega durante a produción vitivinícola. Esta iniciativa está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende neste caso dar a coñecer a importancia dos procesos produtivos do sector do viño, así como contribuír á formación axeitada de agricultores no ámbito específico dos traballadores da vendimaAsí, o programa inclúe visitas a varios viñedos e adegas da denominación de orixe Ribeiro.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 988 788 280, ou enviarse un correo a carlos.alvarez.castro@xunta.gal.